top of page

Silvia Carballo defende o cambio de localización da oficina de turismo

21 jul 2022
2 min de lectura

Trala desconformidade mostrada polo grupo municipal do PP polo traslado da oficina de turismo á planta baixa do Concello, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, defende a decisión tomada.


A concelleira destaca que no lugar anterior, na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, "colisionaba con outras actividades e non dispoñía de baños para o persoal". Carballo explica que "o cambio supón que a oficina se sitúa na Casa Consistorial, onde contamos con todo o material turístico para que, aínda que estea pechada, se lle poida facilitar ás persoas visitantes".


Sobre os horarios da oficina, que abre de 10.00 a 15.30 horas, a concelleira nacionalista fai fincapé en que se decidiron tras unha análise das franxas con máis visitantes ao longo dos anos anteriores. "Baseámonos na realidade á hora de tomar decisións e non en opinións persoais que non teñen en conta nin as necesidades do servizo nin as do persoal que o atende e que só buscan manchar a imaxe de Bueu", referenda Carballo.


Lugar que ocupa actualmente a oficina de turismo.

Ante a proposta realizada polo PP para a colocación da caseta no antigo quiosco do porto, a edila destaca que "suporía o mesmo problema que na sala, onde carecemeos de servizos básicos para o persoal". Carballo considera que "non tería sentido" situar a oficina nun espazo portuario cando se conta con locais municipais. "Habería que preguntarlle ao PP de Bueu se están para defender os dereitos da veciñanza ou para seguir incrementando as contas bancarias de Portos de Galicia", reflexiona.


O cambio de lugar da oficina comezou a traballarse a finais do ano pasado e foi efectivo no marco dun convenio coa Deputación de Pontevedra para a rede de oficinas de turismo Rías Baixas. Desde a Concellería de Promoción Económica e Turismo indican que "o cambio da oficina de turismo á nova sede permite mellorar a accesibilidade, así como que o persoal conte con aseos". Engaden, a maiores, o traballo que se leva a cabo para ampliar os servizos dixitais, como na web ou na app Wikiloc.




Comentarios


bottom of page