TodoMorrazo, unha asociación de aloxamentos para o fomento do turismo sostible
Promover o turismo sostible, buscar a profesionalización do sector ou regularizar as vivendas de uso turístico. Estes son algúns dos obxectivos de TodoMorrazo, unha asociación de aloxamentos turísticos da comarca que naceu fai dous anos, maila que a pandemia paralizou os seus tempos. Para dar a coñecer o seu funcionamento, o colectivo presentouse esta mañá no Concello de Bueu, da man do seu presidente, Borja Brun; o seu tesoureiro, Manuel Pérez e a vogal Maruxa Camiña.
TodoMorrazo conta actualmente con 62 socios, á vez que fan un chamamento para que os propietarios de aloxamentos turísticos se asocien para obter un beneficio común. Precisamente, unha das grandes novidades da asociación foi a posta en marcha do seu propio portal de reservas. Tal e como explicou o presidente, Borja Brun, desta maneira os establecementos asociados poden aforrar a comisión do 16,01% que cobran as demais plataformas de reservas. "Fixemos un chatbot que permite eliminar o intermediario alleo e a comunicación é directa", engade Brun. Precisamente, durante o ano pasado contabilizaron 900 peticións de aloxamento. Máis recentemente, na Semana Santa, rexistraron preto dun 95% de ocupación.

Pero TodoMorrazo vai máis alá e realiza accións a través de diversas liñas de actuación. O portal conta tamén cunha bolsa de emprego e como indicou a vogal, Maruxa Camiña, "non son contratos puntuais, senón para todo o ano". A asociación tamén ofrece asesoramento para a tramitación da legalización das vivendas de uso turístico e busca a profesionalización do sector, a través de cursos de formación e incluso cunha central de compras.
A mellora da imaxe vacacional é outro dos seus eixos. Actualmente, tal e como figura no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), existen 275 aloxamentos turísticos rexistrados na vila. Deles, constan dous hoteis, un apartamento, tres cámpings, sete pensións, dous establecementos de turismo rural e 260 vivendas de uso turístico. Neste sentido, TodoMorrazo aposta pola "creación dun turismo sostible, non ten porque ser un turismo agresivo", indicou Manuel Pérez. Recalcou así a necesidade de facelo de forma legal, "contribuíndo a un turismo de calidade". Outro factor é o fomento da desestacionalización, presentando O Morrazo non só polas súas praias, senón tamén pola súa natureza ou actividades deportivas e culturais que se desenvolven durante todo o ano.

Os representantes de TodoMorrazo estiveron acompañados na presentación pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo; o edil de Deportes, Ricardo Verde e o alcalde da vila, Félix Juncal. A edila Silvia Carballo puxo o foco na importancia do traballo entre os aloxamentos, "que beneficia a toda a cidadanía polo emprego que se crea arredor do turismo", sinalou. Pola súa parte, o rexedor destacou a oportunidade de emprego que supón na comarca e a importancia da aposta polo turismo sostible así como a desestacionalización.





Comentarios