top of page

Un estudo demostra a importancia da bioturbulencia dos peixes con datos obtidos en Bueu

11 abr 2022
2 min de lectura

A revista científica Nature Geoscience vén de publicar un novo estudo que demostra a contribución dos peixes para a produción de turbulencia e mestura oceánica, evidenciando a súa importancia na distribución de calor, nutrientes e osíxeno. Os datos que se empregaron nesta investigación foron obtidos fronte á costa de Bueu a través do proxecto "Remedios", no verán de 2018, no que participou persoal científico do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo.


Obtención de datos no verán de 2018 en Bueu, a bordo do buque oceanográfico Ramón Margalef. Imaxe: DUVI.

Tal e como informa o Diario Dixital da Universidade de Vigo (DUVI), a investigación conta con gran relevancia, xa que ata o momento a comunidade científica demostrara que outros elementos como os ventos e as mareas subministraban a maior parte de enerxía que impulsa a mestura das capas que forman os océanos, pero non se puidera demostrar a contribución de organismos como os peixes a este fenómeno. Os resultados do estudo conforman a primeira evidencia dunha mestura oceánica impulsada bioloxicamente, baixo o nome de bioturbulencia.


Quince días fronte á costa bueuesa

Para obter os datos, o persoal científico embarcouse no buque oceanográfico Ramón Margalef, no véran do 2018. Alí pasaron quince días nos que medían cada media hora a turbulencia e mestura das augas, ao longo do día e da noite.


A investigadora principal do proxecto "Remedios", Beatriz Mouriño, sinala que as observacións xurdiron de maneira "fortuíta", xa que a campaña tiña como obxectivo estudar como afecta a turbulencia á vida mariña. "Acabamos demostrando que a vida mariña pode influír na turbulencia oceánica, que á súa vez inflúe na vida mariña!", explica.



O equipo científico comprobou como cada noite se incrementaba a turbulencia na auga. Cun perfilador de microestruturas verificaron que "dende o anoitecer ata o amencer, as medidas indicaban que, baixo os nosos pés, desde uns 10 a 30 metros de profundidade, se estaba a producir unha bioturbulencia moi intensa, comparable á que pode xerar unha tormenta sobre a superficie do océano", engade Mouriño.


Coa información acústica e as mostras das redes atribuíron esa turbulencia á presenza de bancos de peixes que se concentraban pola noite na zona, como o bocarte.



O equipo de investigadores que participou no estudo. Imaxe: DUVI.

Así, este estudo revela que, aínda que a mestura biolóxica pode non ser moi significativa no océano aberto, si pode ser importante nos ecosistemas costeiros á vez que destaca a capacidade dos organismos vivos para influír e remodelar o medio físico onde viven.


O artigo está asinado por Bieito Fernández, da Universidade de Southampton como primeiro autor, xunto aos investigadores do CIM-UVigo Beatriz Mouriño, Esperanza Broullón e Antonio Comesaña. No estudo, ademais do CIM, tamén participou un equipo de institucións como o Instituto Español de Oceanografía ou o Swiss Federal Institute of Aquatic Science and Technology.

Comentarios


bottom of page