top of page

Veciñanza, colectivos e asociacións xa poden presentar suxestións para a nova ordenanza de terrazas

2 jun 2022
2 min de lectura

Ante o aumento da actividade hostaleira nos últimos anos ou a aparición de novos espazos públicos como a Praza Massó ou a zona das Lagoas, o Concello de Bueu traballa na actualización da ordenanza de terrazas, que renovará a aprobada no ano 2012. Trala aprobación do Plan Normativo no pleno de abril, agora xa está aberto o prazo de consulta pública na Sede Electrónica, onde as persoas que o desexen poden presentar propostas previas á elaboración da ordenanza.


Tal e como indica o documento, o incremento da actividade hostaleira foi "considerable" nos últimos anos, á vez que apareceron novos espazos públicos. Por ese motivo, aínda que xa existe unha ordenanza de terrazas, esta normativa non se corresponde coa realidade da vila unha década despois da súa aprobación. "Resulta necesario revisala e adaptala para garantir a defensa do interese do espazo público e do medio ambiente urbano", sinala.

Un encontro anterior do goberno local coa hostalaría de Bueu. Imaxe: Concello.

Así, preténdese resolver con claridade cuestións relativas á documentación necesaria para colocar terrazas, o procedemento ou prazos. Tamén se busca actualizar as distancias, cautelas e dimensións das instalacións, o réxime sancionador ante incumprimentos ou as características das terrazas en canto a forma e materiais. "Unha maior definición dos distintos aspectos da ordenanza redundará nunha mellor calidade do servizos e tamén nunha maior garantía para a cidadanía", apunta o anuncio.


Outros obxectivos pasan pola definición dos elementos complementarios como toldos ou a garantía da accesibilidade da cidadanía aos espazos destinados ao uso público, así como preservar o dereito ao descanso da veciñanza e ao desenvolvemento do sector hostaleiro.


Precisamente, a participación dos cidadáns e cidadás xoga un papel fundamental neste proceso previo. Disporán de prazo ata o 22 de xuño para achegar as súas opinións ou propostas, a través da presentación da instancia "Participación na Elaboración de Normativa" dispoñible no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu.


Comentarios


bottom of page