A campaña "Unéte ao reto!" anima a incrementar a reciclaxe de envases lixeiros
Un gran contedor amarelo na Praza do Concello anima á cidadanía a unirse ao reto da reciclaxe. Construído con madeira reciclada e catro metros de altura, é o símbolo da campaña "Únete ao reto!", promovida pola Xunta e Ecoembes. A vila é un dos trece municipios galegos retados a incrementar un 10% a recollida de residuos depositados no contedor amarelo, con respecto aos mesmos meses do ano pasado.
A campaña iniciouse o pasado mes de marzo e remata o vindeiro 31 de maio. No seu curso, ademais do vistoso contedor, tamén se están realizando xornadas de información á cidadanía sobre a importancia e os beneficios da reciclaxe. Na mesma liña, diversos comercios están instalando vinilos informativos, así como na hostalería local.

Ademais de Bueu, na campaña deste ano participan outros doce municipios, algún deles do Morrazo como Cangas e Moaña. Aqueles que consigan incrementar un 10% a recollida recibirán 2.000 euros para doar á causa social local que cada concello elixa. O impacto será positivo tamén para o medio ambiente e a concienciación da cidadanía.
Que podo depositar no contedor amarelo?
"Únete ao reto!" anima a depositar no contedor amarelo todos os envases de plástico, como botellas de auga, refrescos, envases de produtos de limpeza así como os envases tipo brik. Tamén é o lugar onde deben ir parar os envases metálicos, como latas de conservas ou de bebidas así como bandexas de aluminio. A propia campaña sinala que para que a reciclaxe sexa máis efectiva é preciso baleirar ben os envases.
Restos de poda
Fóra da campaña pero aínda no eido medioambiental, o Concello lembra á cidadanía que os restos vexetais deben ser depositados no Punto Limpo ou compostados na propia horta. Aclaran así que este tipo de restos non poden ser levados aos composteiros comunitarios nin tampouco aos colectores verdes.
O recordatorio vén da man da chegada da primavera, cando a cidadanía acostuma realizar as cortas nas fincas e trala aparición de restos vexetais no composteiro da rúa Xosé María Estévez.

Para tratar este tipo de restos, a Mancomunidade ten dispoñible un servizo de préstamo de biotrituradoras eléctricas. A solicitude para o servizo debe facerse no Rexistro Xeral ou na Sede Electrónica do Concello, xunto a unha copia do recibo do lixo.
Incremento da recollida na Semana Santa
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo encargou un informe sobre o servizo de recollida do lixo na Semana Santa. As cifras amosan que se incrementou a recollida nun 10% comparado co ano anterior. Foron 460 toneladas fronte ás 420 do 2021.
A entidade supramunicipal tamén rematou a substitución de 130 contedores de carga lateral e 250 de carga traseira, á vez que prepara a documentación para un novo contrato de subministro similar. Tamén arrincará a substitución de maquinaria da planta da Portela, para mellorar o estado das infraestruturas.





Comentarios