top of page

A praia de Agrelo, un dos escenarios do novo videoclip de Tanxugueiras

3 jun 2022
1 min de lectura

Tanxugueiras sacou á luz este venres o seu novo tema, Desidia, unha reivindicación da necesidade do autocoidado escenificada a través da interpretación de Carla Cervantes e Justin de Jager. Ambos protagonizan unha coreografía rodada en diferentes localizacións do Morrazo, entre as que destaca a praia de Agrelo de Bueu.


"Ás veces cómpre parar e escoitar o noso corpo. Entender o que nos di e o que nos pide, sen que nos teñamos que sentir culpables por non ser, non dar, non chegar ao que nos esixe ou autoesiximos", sinalan as pandeireteiras Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.




O videoclip, dirixido por Trece Amarillo e producido por PlayPlan, rodouse durante o mes pasado. Ademais da praia de Agrelo, tamén aparecen o lugar de Pastoriza, en Marín, e Moraña. O baile de Carla Cervantes e Justin de Jager, un símil do proceso de escoita e de liberación da culpa, vaise deslizando polos tres lugares anteriores.


Este novo sinxelo de Tanxugueiras pon o foco no proceso de descubrimento e adaptación da necesidade real do autocoidado. A música e as letras afondan nese camiño con versos como "rematade xa esta bailiña, estou cansa, preciso deitar". Con Desidia, as pandeireteiras, que pasarán este verán polo escenario do SonRías, reafirman a súa aposta pola música tradicional galega e a lírica popular, á vez que mostran a beleza das localizacións do Morrazo, como xa sucedeu no videoclip de "Pano Corado".

Comentarios


bottom of page