As bibliotecas municipais comezan o horario de inverno
Coa chegada de setembro, as bibliotecas municipais mudan o seu horario. No caso da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, o servizo funciona de xeito provisional no primeiro andar do Centro Social do Mar, onde foron trasladados 5.500 libros así como o mobiliario necesario.
Primeiro andar do Centro Social do Mar, onde funciona de xeito provisional a biblioteca.
O motivo deste traslado son as obras de reforma da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, que teñen previsto comezar entre mediados e finais de setembro. O horario da nova localización no Centro Social do Mar será, a partir do luns, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.000 a 20.00 horas, de luns a venres. Antes deste cambio, o Concello organizou un rastro de balde con máis de 2.000 libros no Parque Ramal dos Galos, realizando un expurgo con obras de literatura infantil e de adultos.

Por outra parte, desde o goberno local informan que a Biblioteca Municipal de Beluso xa comezou o horario de inverno, de luns a venres de 16.15 a 20.00 horas, o mesmo que adoptará tamén a Biblioteca Municipal de Cela.





Comentarios