O pleno adxudica por unanimidade as obras de mellora da biblioteca Torrente Ballester
O pleno da corporación municipal de Bueu reuniuse onte nunha convocatoria extraordinaria para adxudicar por unanimidade as obras de reforma da Biblioteca Municipal Torrente Ballester. A proposta foi adxudicada á empresa Obras Gallaecia SL, cun orzamento de 915.565,65€.
A proposta contou co apoio de todos os grupos políticos e permitirá que a infraestrutura experimente nos vindeiros meses unha gran transformación tanto a nivel técnico como nos seus propios usos. As obras están financiadas con cargo ao Plan ReacPon e o Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra, polo que a empresa, a única que se presentou á oferta, deberá culminalas antes de abril do próximo ano, tal e como rexen as bases das liñas de subvención.

Tal e como explicaron hai meses o alcalde, Félix Juncal e o edil de Bibliotecas, Alberto Moital, este proxecto implicará melloras tanto a nivel arquitectónico como de conceptos. Ademais dos novos usos e servizos, tamén se resolverán problemáticas estruturais do edificio, a mellora da accesibilidade coa dotación dun ascensor e da eficiencia enerxética.
A intervención contempla a ampliación do edificio actual cunha planta adicional de 360 metros cadrados, que permitirá trasladar o Arquivo Municipal ao centro bueués. A planta baixa manterá as dependencias da biblioteca e será ampliada con sala de estudos, informática e polivalentes. "Queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural e adaptado ás esixencias e demandas do século XX", destacou Juncal.
O pleno tamén serviu para dar conta da renuncia da concelleira socialista María Elisa Dios Ríos e da súa substitución por Manuel Barreiro Regueira.




Comentarios