top of page

As freguifestas continúan en Ons con actividades musicais e unha homenaxe veciñal

Actualizado: 23 ago 2022

Despois da celebración da Freguifesta de Beluso a pasada fin de semana, con actividades para a cativada, actuacións musicais e artísticas e unha homenaxe ao colectivo Mozas e Mozos de Beluso, o Concello prosegue coa organización da Freguifesta de Ons.


Imaxes da Freguifesta de Beluso. Cedidas.



O programa da Freguifesta de Ons comezará o sábado pola noite coa proxección continuada, de 19 a 22 horas, do vídeo resumo da Freguifesta do ano pasado. Xa pola noite, a música chegará da man do Dj Pedro Campos.


O domingo, día grande das festas, comezará coa presentación do libro "Até aquí podo contar. A fala da illa de Ons", publicado pola editorial Chan da Pólvora coa colaboración do Concello. No acto participarán José Manuel Dopazo Entenza, veciño bueués e autor da obra, Francisco Fernández Rei, catedrático da USC e membro numerario da RAG e Antón Lopo, editor de Chan de Pólvora. A publicación recolle de forma divulgativa un estudo da fala da Illa de Ons e acompáñase de fotografías históricas, que tamén estarán expostas ese día.


Tras isto, haberá unha ruada ás 11.30 horas a cargo de Mariachis Noche de Ronda e Trébede. Ás 12 horas terá lugar a homenaxe veciñal polas festas a Adrián Ferrer Reboiras, Estrella Pérez Porto e Iván Pérez Porto. Ademais, tamén se recoñecerá á poeta Míriam Ferradáns e a Tino Pardellas de Blas "Tinón" pola posta en valor de Ons. A continuación están programados os oficios relixiosos na honra de San Xaquín e o grupo Trébede poñerá de novo a música e o baile tradicional. A festa rematará ás 17.00 horas coa actuación do grupo Cantometrics.


Na programación colaboran a Asociación de Amigos e Amigas de Ons, veciñanza do lugar, a parroquia de Ons e Parques Nacionais das Illas Atlánticas.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page