Bueu homenaxea este domingo a Johán Carballeira, no 85º aniversario do seu fusilamento
O 17 de abril Bueu lembrará a Johán Carballeira, alcalde, poeta e xornalista. O acto de homenaxe coincide co 85º aniversario do seu fusilamento, o 17 de abril de 1937 e está organizado polo Concello xunto á Asociación de Amigos de Johán Carballeira.
A homenaxe comezará ás 18.00 horas coa habitual ofrenda floral no monumento que recorda a Carballeira, na entrada da praia da Banda do Río. Os asistentes lembrarán a Carballeira e o seu paso pola alcaldía da vila antes do golpe de Estado de 1936, ademais da súa obra xornalística e poética. No monumento depositarase un ramo de flores que lembra o seu fusilamento o 17 de abril de 1937.

A xornada do domingo estará dedicada á memoria histórica e continuará ás 19:00 horas no Centro Social coa presentación do libro "Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)", de Xosé Álvarez Castro. Este libro, publicado por Xerais, analiza as características e modulacións que adoptaron a represión e a resistencia no chamado "primeiro franquismo". A represión contra a oposición política, a económica, a sufrida polas mulleres ou a efectuada contra a masonería teñen un tratamento especial. Cun enfoque didáctico, tamén afonda nas formas da resistencia.

Premios Johán Carballeira
Desde a concellaría de Cultura informan de que nas vindeiras semanas darán a coñecer os traballos gañadores dos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo. Será entre finais deste mes e comezos de maio, trala reunión de dous xurados conformados por profesionais do mundo poético e xornalístico.





Comentarios