Maios que unen xeracións
O fin do inverno e a chegada do bo tempo festéxase tradicionalmente coa Festa dos Maios. É típica a construción de figuras con flores e plantas para celebrar a primavera. Esta mañá, co sol e as boas temperaturas acompañando, a Casa da Aldea de Meiro acolleu unha particular festa do Maio promovida pola Asociación de Familiares de Persoas Afectadas de Alzheimer do Morrazo (Afamo). Nela participaron os seus usuarios e usuarias xunto ao alumnado do CPR Virxe Milagrosa e coa participación da asociación veciñal A Morada.

Arredor do maio, os nenos e nenas cantaron, acompañados cos tradicionais paus, cancións aludindo á chegada da primavera. "Para facelo maio tivemos que cortar flores e fiúnchos para poder cantar", recitaban ao seu arredor. No acto tamén participou rapazada do IES A Paralaia e alumnado do Patronato Municipal Beiramar de Moaña. Así, produciuse un encontro interxeracional entre pequenos e maiores.
Na iniciativa tamén estivo a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, que destacou "a importancia de fomentar actividades de convivencia interxeracional, na que pequenos e maiores comparten o seu tempo e o seu saber".
Afamo, que botou a andar no 2000, busca contribuír ao benestar das persoas afectadas de demencia e das súas familias, a través dunha atención integral e especializada, promovendo o envellecemento activo e a prevención. Nesta liña enmárcanse actividades como as de hoxe, que na vila realizan na súa nova sede en Meiro.





Comentarios