O Concello pon en marcha un Servizo de Atención Temperá
O Concello de Bueu vén de poñer en marcha un Servizo de Atención Temperá (SAT) dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos así como a súa familia e contorna. O obxectivo é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións co fin de facilitar a súa autonomía persoal e dita inclusión. Precisamente, esta semana tivo lugar unha visita do alcalde, Félix Juncal e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, á aula na que terá lugar a primeira fase deste programa, situada na rúa Santán.

Os servizos serán ofrecidos polo equipo SAT Bueu, que conta cun logopeda, unha fisioterapeuta e unha psicóloga con formación e experiencia no desenvolvemento infantil. "A idea é detectar trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos en nenos e nenas de 0 a 6 anos", sinala Otero, á vez que fai referencia a que o acceso ao servizo deberá facerse dende a pediatría do neno ou nena.
As persoas interesadas en obter máis información poderán contactar co servizo no teléfono 623292191 ou no enderezo bueusat@gmail.com. Este programa finánciase no marco da Rede Galega de Atención Temperá, co apoio da Unión Europea. O Concello destaca que leva moitos anos implementando políticas sociais, para o apoio de todas as persoas.




Comentarios