top of page

O Concello realiza actuacións de mantemento nos colexios

8 sept 2022
2 min de lectura

O goberno local insta á Xunta a "asumir as súas competencias e levar a cabo obras de mellora integral"


Ante o inicio do curso escolar, o Concello de Bueu realizou nas últimas semanas diversas actuacións de mantemento nos colexios da vila, como o pintado exterior do CEIP Montemogos. Precisamente, o alcalde, Félix Juncal e o edil de Ensino, Xosé Leal, visitaron as instalacións para comprobar o avance e remate destas melloras, que foron peticións impulsadas pola comunidade educativa.


As actuacións afectaron aos centros de Bueu, Cela e Beluso. No caso do CEIP Plurilingüe Montemogos pintouse a fachada exterior do edificio de azul e branco, unha actuación que nos vindeiros días tamén se fará no muro perimetral exterior que dá ao patio. Ademais, habilitarase unha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida na entrada do colexio, sumándose así á xa existente.


Visita do edil de Ensino, Xosé Leal, ás obras realizadas no CEIP Montemogos. Imaxe: Concello.

No CEIP Plurilingüe A Pedra arranxouse un problema existente nos baños desde hai anos así como pintados de interiores e exteriores, rozas e traballos de iluminación. Nas próximas semanas está previsto o cambio de caleiros e a mellora de accesibilidade aos locais de actividades extraescolares.


No caso do centro de Infantil, xa se mellorou a accesibilidade na zona exterior. Mentes, na Escola Infantil Galiña Azul retocáronse e pintáronse todas as aulas e tamén se incorporaron murais artísticos nalgunhas.


En Cela, no CEIP Plurilingüe A Torre, tivo lugar unha ampliación do valado de madeira da zona exterior do comedor. Tamén se habilitou unha varanda nas escaleiras de acceso desde o patio ao comedor, ademais de formigonar a entrada, rozar a contorna e colocar colgadoiros e material para o profesorado.


*Outras actuacións realizadas nos centros.


Desde o goberno local destacan o contacto coa comunidade educativa e indican que "iremos acometendo na medida das nosas posibilidade o que se vaia solicitando". Porén, instan á Xunta de Galicia a asumir as súas competencias e "realizar obras de mellora integral da eficiencia enerxética nos centros". Recordan, desde o goberno, que esta proposta xa foi solicitada nunha moción aprobada fai un ano.

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page