O GALP Ría de Pontevedra abre unha nova convocatoria para financiamento de proxectos ligados ao mar
O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra vén de abrir unha nova convocatoria de axudas para o financiamento de proxectos ligados ao mar pertencentes a varios municipios, un deles Bueu. O prazo de solicitude remata o próximo 28 de febreiro e está aberto a asociacións, entidades, empresas ou particulares interesados en desenvolver iniciativas e actividades vencelladas ao mar.
As liñas de financiamento que ofrece o GALP son, concretamente, para proxectos relacionados co patrimonio cultural, o medio ambiente ou a posta en valor do produto do mar. Ademais de Bueu, as axudas están abertas a outros municipios como Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño.

Como son as axudas?
Os proxectos de empresas e autónomos poderán obter un financiamento de ata o 50% do seu investimento e pode incrementarse ata o 80% en iniciativas relacionadas coa pesca costeira artesanal. En proxectos non produtivos con finalidades non económicas, con determinados requisitos, a axuda pode ser do 100%.
Na páxina web do GALP pódese obter con todo detalle máis información sobre os trámites necesarios para presentarse á convocatoria de axudas. Lembran, ademais, que todas as persoas interesadas en desenvolver unha idea de negocio no seu territorio, poden informarse nas oficinas do GALP no porto de Marín (Departamento de exportadores, 14. Lonxa de Marín) ou telefonicamente no 886 213 015.
Con este tipo de axudas, o GALP apoiou durante os últimos anos todo tipo de proxectos como melloras en instalacións portuarias, rutas turísticas, programas gastronómicos ou de divulgación da cultura mariñeira. O seu obxectivo é dinamizar as actividades socioeconómicas do seu territorio, promovendo á vez unha profesionalización e formación no sector marítimo.





Comentarios