Os Galos organiza un novo Encontro de Embarcacións Tradicionais e recorda a Víctor Domínguez
As embarcacións tradicionais serán as protagonistas en Bueu do 26 ao 31 de xullo. Será da man da celebración do XXIV Encontro de Embarcacións Tradicionais que organiza a Asociación Os Galos e que inclúe navegacións, presentacións literarias e exposicións. Todo isto sen esquecer o pasamento en decembro de 2021 de Víctor Domínguez, que foi presidente e membro fundador de Os Galos. A súa figura, esencial para a conservación do patrimonio e da cultura mariñeira da vila será homenaxeada cunha navegación o sábado 30.

Como antecedente ao propio Encontro, desde este venres xa se poderá visitar a exposición "Madeiras do Mar" na Sala Amalia Domínguez Búa e que é obra de Ruth Beltrán Muñoz. Esta edición programa actividades tamén para todas as idades, posto que a vindeira semana, o martes 26, o exterior do Estaleiro de Purro acollerá o contapintacontos "Falando de barcos", con Caxoto e Marc Taeger. O seguinte día, o mércores 27, terá lugar a presentación do libro "As gotas de Mercurio" no Museo Massó. Alí estará o seu autor, o cambadés Exidio Cuíñas e que traballa a prol do patrimonio marítimo.
Navegacións
O xoves as actividades continúan cunha iniciación á navegación tradicional no peirao de Bueu e para a que se require inscrición previa na Sala Amalia Domínguez Búa. O venres será a quenda da navegación de benvida aos barcos participantes, como antecedente á xornada central deste Encontro, que se desenvolverá o sábado. Arrincará coa navegación homenaxe a Víctor Domínguez ás 11.00 horas e seguirá coa actuación musical de Beatriz Martínez e Diego Langarika a bordo do Chasula.
Trala comida para os tripulantes a navegación continuará ás 17.00 horas pola enseada de Bueu para, posteriormente, acoller unha demostración de pesca artesanal coa largada dunha rapeta na praia da Banda do Río. A xornada rematará cunha cea e o domingo será a navegación de despedida.
Novo exemplar da revista
Paralelamente, Os Galos presentará o venres 29 ás 13.00 horas, no Museo Massó, o número 16 da súa revista. A nova publicación está marcada tamén polo recordo a Víctor Domínguez, con diversos artigos que lembran o seu percorrido no mundo das embarcacións tradicionais e na Asociación Os Galos.
Ademais, inclúe publicacións sobre a industria da salga, o conflito pesqueiro entre españois e portugueses en Ons, o preito entre conserveiros por plaxio nos deseños ou a orixe e evolución do fútbol en Bueu, entre moitos outros. O exemplar xa se pode conseguir en diferentes establecementos da vila como nas librerías Abrente, Miranda, Marpau e na panadería Amador.





Comentarios