top of page

O paro continúa en descenso e rexistra 721 persoas desempregadas, 21 menos que en febreiro

4 abr 2022
2 min de lectura

A Consellería de Emprego vén de publicar os datos de desemprego correspondentes ao mes de marzo, nos que Bueu se sitúa con 721 persoas desempregadas, 21 menos que o mes anterior. Continúa así a tendencia descendente coa que o municipio comezou o ano, xa que nos tres primeiros meses a vila rexistra baixadas mensuais. O descenso tamén se constata na comparativa anual, en marzo de 2021 Bueu tiña 848 persoas paradas, 127 máis que este ano.


Con respecto aos diferentes criterios, Bueu contabilizou no mes de marzo 22 parados menores de 25 anos, 3 menos que o mes anterior. No caso dos maiores de 25 anos tamén se produce unha baixada, con 699 desempregados, 18 menos que en febreiro. No referente ao sexo, a vila rexistra 433 mulleres paradas (8 menos) e 288 homes (13 menos).


A información por sectores económicos amosa o maior descenso no sector servizos con nove desempregados menos. Tamén baixan os desempregados na industria, con oito menos, e na agricultura e pesca, con catro menos. A construción, pola súa parte, mantense estable con 44 persoas sen emprego, as mesmas que en febreiro. O mesmo ocorre coas persoas sen emprego anterior, que continúan sendo 37.





Situación na comarca

O Morrazo rexistra en marzo 5.261 persoas desempregadas, 78 menos que en febreiro. Supón unha baixada con respecto a febreiro. Todos os municipios descenden agás Marín, que rexistra 1.378 parados (17 máis). Pola súa parte, Cangas contabiliza 1.803 (55 menos) e Moaña 1.359 (19 menos).


Unha ollada a Galicia

Esta tendencia decrecente vai na liña da comunidade xa que o paro baixou en 1.173 persoas en Galicia no mes de marzo (-0,76%). Sitúase así entre as tres comunidades autónomas españolas onde máis baixa. A cifra total de persoas desempregadas en Galicia é de 153.336 en marzo.

Comentarios


bottom of page