O PP acusa ao goberno dunha "xestión ineficiente" da piscina e de "maquillar" as contas
Catorce meses despois da posta en funcionamento da piscina municipal, desde o grupo municipal do Partido Popular poñen o foco na xestión desta instalación, que consideran "ineficiente" á vez que acusan ao goberno local de "maquillar as contas". O principal grupo da oposición bueuesa apunta á prolongación do servizo gratuíto durante 14 meses así como á "maquillaxe económica" no futuro contrato de xestión.
A voceira do PP, Elena Estévez apunta en primeiro lugar aos prazos sinalados para o funcionamento gratuíto da piscina, que inicialmente ía ser de tres meses. "Xa pasaron 14 meses e seguimos no mesmo punto, cun goberno que aínda espera terminar o proceso en outono, máis de 18 meses despois e cun custo total para as arcas municipais e para a veciñanza de Bueu", explica a voceira.

O futuro contrato da piscina, que se quere fixar en 411.00 euros anuais, chama tamén a atención do PP. "Pretenden facer unha maquillaxe económica, este contrato só cubre de feito o persoal e quedan fóra gastos moi relevantes que asumirá o Concello como a luz, a auga ou o mantemento das instalación", indicou Estévez. A voceira insiste en que o custo será máis elevado. "A realidade é que de calquera forma o Concello segue tendo o control, o que ocorre é que non se quere dicir a cifra real de gasto que vai supoñer para a veciñanza para tratar de seguir vendendo fume, non cal son uns auténticos virtuosos", engade.
Apuntou tamén ao que considera unha "dobre moral" do BNG. "Na oposición pon as cores de antiprivatizadores e defensores do público montando ruído institucional, mais cando goberna non deixa nada sen privatizar", remarcou Estévez. Unha crítica que tamén chega ao vicealcalde Julio Villanueva, de ACB. "Enarborou a bandeira do público e logo decidiu privatizar todos os servizos, agora non se pronuncie en contra desta decisión e comungue con roda de muíño día si e día tamén con tal de manterse no poder", conclúe a popular.




Comentarios