top of page

O PP demanda unha "actuación urxente" na pista deportiva da Banda do Río

12 abr 2022
2 min de lectura

O grupo municipal do PP vén de remitir un comunicado no que solicitan unha "actuación en profundidade e urxente" na pista deportiva da Banda do Río. "Unha petición que foi trasladada en varias ocasións, pero parece que o alcalde está centrado en proxectos delirantes e non en solucionar os problemas dos bueueses", apuntan os populares.


A concelleira Macame Núñez sinala que a problemática se centra na falta de actuación na pista deportiva e en problemas co alumeado. "A rede da pista ten buracos e os balóns terminan saíndo campo, en ocasións rompendo ventás", explica Núñez, que tamén alude á deterioración das poterías e á inseguridade que se crea porque "a maior parte das noites non funciona o alumeado".


"Insistimos na necesidade de actuar nas redes e no alumeado de forma urxente, para evitar que os mozos que queiran xogar teñan que ir a outros lugares". Ademais, apunta a que estas peticións xa foron formuladas nos rogos do pleno e a través da voceira do partido, Elena Estévez. "A actitude do alcalde é mirar para outro lado, pero a situación se agrava cada día", engade.


A concelleira do PP define a situación como "unha mostra máis evidente de que a Félix Juncal e a Julio Villanueva non lles importa actuar nas demandas máis básicas, senón centrarse en estaleiros e piscinas".


Estado das rúas

O PP refírese tamén ao estado das rúas peonís da Banda do Río xa que "se atopan moi danadas con problemas para os viandantes, especialmente persoas maiores e con mobilidade reducida", indican. Núñez demanda unha actuación nas rúas Caripa e Francisco Escáneo así como en vías máis pequenas. "Hai numerosos parches con cemento e profundos desniveis, incluso deixaron buracos para plantar árbores sen facelo nunca, pero están sen sinalizar e calquera persoa podería caer", engaden.


"Os veciños da Banda do Río non poden seguir esperando un plan da zona que leva anos paralizado para poder camiñar por unhas rúas dignas", sinala Macame Núñez, que solicita así unha actuación urxente na zona ao goberno local. "En vez de gastar máis de 600 euros en informes que din que non poden informar, deberían destinar o diñeiro a arranxar o pobo", conclúe.

 
 
 

Comentarios


bottom of page