O PP denuncia unha "xestión opaca" da piscina municipal
Máis dun ano despois da inauguración da piscina municipal, o PP bueués volve poñer o foco na súa xestión, que consideran "unha mostra máis da incapacidade do executivo de Félix Juncal" e unha "xestión opaca" da infraestrutura. "O alcalde está fraccionando os contratos para non ter que sacalos a concurso público, senón que llos dá directamente a quen el quere", apunta a concelleira popular María Blanco.
O PP fai referencia tamén ao retraso da adxudicación do contrato de xestión. "O goberno local non é quen nin sequera de sacar adiante en condicións o proxecto estrela do alcalde", asegura Blanco, referíndose á pisicina de As Lagoas, que compara cun "barco á deriva que fai auga por todas partes".
As críticas tamén se dirixen ao vicealcalde, Julio Villanueva, de ACB. "Durante os anos na oposición se mostraba como o garante da transparencia e agora comulga con rodas de muíño día si e día tamén", afirma Blanco.

A popular sinala a "imposibilidade real" de coñecer os custos da piscina, posto que as facturas municipais "non mencionan onde se fan as obras e actuacións". Para o PP, este feito supón "unha mostra máis de opacidade impropia dos tempos que vivimos". "Por non realizar os trámites necesarios, Bueu está meténdolle varios centos de miles de euros anuais á pisicina que se poderían investir en solucionar as necesidades das parroquias se Félix Juncal realizase o seu traballo en tempo e forma", conclúe Blanco.




Comentarios