O PP urxe ao goberno local un plan de mantemento das praias
Tras coñecer que Bueu contará este ano con cinco bandeiras azuis, o grupo municipal do Partido Popular insta ao goberno local a realizar unha planificación dos traballos de mantemento das praias. "A realidade que podemos comprobar reflexa a falta total dun plan de actuación por parte do goberno", explica a voceira, Elena Estévez.
Como exemplo, o PP de Bueu pon o foco en praias como a de Area de Bon, en Beluso, sobre a que mencionan un "evidente e vergonzoso abandono e deterioro". A voceira pon o foco no estado da pasarela de madeira de acceso ao areal. "Está invadida pola maleza, con escalóns e táboas do pasamento rotas", engade Estévez, aludindo aos problemas de accesibilidade que ocasiona. No mesmo areal, o PP engade problemas como a falta de pintado do espazo reservado á ambulancia, o mantemento da caseta de socorrismo e dos baños así como verteduras de auga que baixan pola estrada de acceso á praia.

"Dedican moito tempo a planificar e organizar os traballos, unha vez máis a súa capacidade de planificación e organización brilla pola súa ausencia", fai fincapé o grupo popular, que pide ao goberno local "unha planificación e a organización dunha visita institucional á praia para comprobar de primeira man todo o que estamos denunciando".
Na mesma liña, a concelleira popular Isolina Villanueva sinala a "alegría porque a praia da Banda do Río conseguira a bandeira azul e que Bueu teña cinco". Porén, para Villanueva a realidade é que as praias contan con "numerosos problemas". Como exemplo apunta á praia de Loureiro, que "necesita unha mellora do acceso así como a colocación de toda a cartelería que nalgúns casos está danada e noutros non existe".





Comentarios