Opinión | Bueu, naturalmente
Asinan o artigo a Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro de Bueu e a Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía
Vivimos tempos difíciles para o medio ambiente e a biodiversidade, e O Morrazo non escapa deles. Difícil parece reverter todas estas tendencias, e mais se a vontade política se queda só en palabras. Aínda mais difícil se esas palabras son directamente mentiras.
O día 2 de xullo varios membros de Liboreiro asistimos a presentación do libro “Bueu, naturalmente”, na Aula da Natureza de Cabo Udra, coa presencia como representante do concello de Xosé Leal, Concelleiro de Cultura, Ensino, Medio Ambiente, Mobilidade, Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico do Concello de Bueu. Na rolda de preguntas, plantexámoslle a Xosé Leal, como representante do concello, unha cuestión que nos parecía especialmente relevante, a da necesidade de reflexionar sobre a contradición tremenda de presentar un libro para por en valor o patrimonio natural do concello, e despois atentar contra ese patrimonio coas actuacións municipais. Puxemos coma exemplo concreto o caso dunha das especies que aparecía no libro, o Equisetum telmateia (rabo de cabalo), un fermosísimo fento que no Morrazo aparece nun noiro no tramo urbano do rio Bispo, e que o concello de Bueu ten arrasado con cortas a ras en anos pasados, sempre ademais coincidindo coa época de desenrolo da especie.

A reflexión trasladada ao concelleiro, ía na liña do estraño e incongruente que resulta considerar e mencionar esta especie como parte do patrimonio natural do concello e despois levar a cabo actuacións que claramente van en contra da súa supervivencia, actuacións ademais de necesidade dubidosa. Estableceuse nese momento un certo debate, no que a pesares de que xurdiron argumentos que so se poden denominar escusas (descargar a responsabilidade nos subordinados, ou na cesión ao que piden os veciños coma motivación) pareceunos proveitoso e esperanzador. Saimos por tanto do evento con certo optimismo, que
pouco durou, cando fai só uns dias puidemos constatar que se volveu rozar a zona, desta vez aínda de xeito mais agresivo, arrasando outra vez a poboación de equisetos, e inclusobidueiros dun certo porte que o mesmo concello plantou fai anos.

Ampararse na mala actuación do persoal que leva a cabo as rozas, ou na equivocada percepción dalgunhas persoas do que é a “limpeza” en sendas fluviais parece aínda menos aceptable, se tan so uns dias despois de comprometerse de palabra diante dos asistentes a un evento coa mellora deste tipo de actuacións, fas o mesmo ou peor. Triste imaxe a dos bidueiros tronzados secando ao sol e os equisetos mutilados. Pero mais triste aínda a pobre imaxe que nos queda da capacidade, coherencia e sinceridade dun representante municipal.
As beiras dos regatos e ríos deben ser tratados con respecto e agarimo, por tratarse de lugares de gran valor ecolóxico, que acubillan moitas especies de flora e fauna, algunhas delas moi sensibles. Tamén son espazos fundamentais dende o punto de vista hidrolóxico, non só para o aporte de auga doce e potable á poboación, senón para previr riadas. Por outra banda, seleccionar con certo criterio o que é necesario rozar e o que non, ou a época do ano, redundaría en eficiencia, e tamén sería un beneficio cara a preservar a biodiversidade da nosa comarca.
No momento actual, é necesario esixir xestores que aprendan dos seus erros, en vez de reincidir neles, e que teñan tamén a decencia de mostrar certa coherencia entre as súas palabras e os seus actos. No Morrazo hai sociedade civil comprometida coa conservación do patrimonio (natural, cultural...), coa que se pode establecer un diálogo e incluso realizar consultas. Iso é ter criterio e ter sensibilidade, e fortalecer a democracia nunha sociedade informada. Non querer escoitar, ou aínda peor, simular que escoitas e concordas, pero demostrar cos teus actos que non o fas, é tan cuestionable coma lamentable.



Comentarios