Opinión| O Fiadeiro, fogar das primeiras letras
Este Día das Letras Galegas, a programación inclúe unha exposición sobre o xornal escolar do CEIP Montemogos, o Fiadeiro. Coido que a primeira vez que escribín no Fiadeiro foi no 2003. Estas "Letras Galegas e Colectivas" supuxeron a escusa perfecta para volver a esas páxinas, historias e creacións, que nalgún tempo foron compartidas cos meus compañeiros e compañeiras.
Nesta volta ao Fiadeiro, regresei a min mesma. Estudar xornalismo foi, de seguro, unha decisión na que interviñeron pequenos factores que me foron marcando ano tras ano. Ou así o penso, e iso que decidín entrar nesta profesión xa na conta atrás de bacharelato. Pero un deses factores, que inconscientemente me levou ata aquí, foi o Fiadeiro. Estou segura de que algo tivo que ver. O primeiro lugar no que escribín foi alí e me convenzo a min mesma de que esa debería ser a resposta a moitas preguntas ou que mesmo debería figurar no meu currículum. Por que non?
Nese regreso atópome a unha nena, menos tímida que agora, detrás dun pupitre nalgunha aula do colexio e cun lapis na man. Recordo especialmente a Don Servilio e os seus consellos e propostas, que nos mergullaban en tradicións e xogos populares. Xunto a el, todo o profesorado que nos animaba a escribir e que coido que o seguirá a facer a día de hoxe.
Tamén sei de memoria aquela foto que acompañou o meu nome na "Benvida ao Fiadeiro", unha sección na que cada curso se recibía ao alumnado de Educación Infantil. Cada vez que traía un Fiadeiro novo, xa fora polas Letras ou no Nadal, volvía buscarme naquela primeira foto de decembro do 2002. Quería ver canto medrara. Que maior son!, pensaba. Oxalá non medrara tan rápido!, penso agora.

Lembro tamén como lía e relía a revista, sobre todo nas vacacións do Nadal. Aqueles textos dos compañeiros e compañeiras de estudos, aquela admiración compartida. Nas relecturas desta semana atopei contidos e ideas marabillosas, reportaxes que merecerían ser primeira páxina de xornais. Que sorte poder regresar as nosas primeiras letras! Ter gardada para sempre unha revista na que se agochan as nosas verbas máis sinceras.
Remexendo nos Fiadeiros atopeime a min mesma, á nena que se imaxinaba onde estaría dez anos despois, á que sempre tiña algo por escribir e que atopou nesas letras un refuxio. Agora, cando boto a vista atrás, penso no importante que son este tipo de espazos, onde a cativada dá renda solta a súa imaxinación, onde non hai límites e todas as inquedanzas entran, onde se investiga sobre as nosas orixes e tradicións. Dez anos despois sigo escribindo, xa non en papel, agora tras un ordenador e con este Xornal de Bueu. Que hai de Fiadeiro dentro de Xornal de Bueu? Difícil pregunta e difícil resposta.
Oxalá queden moitos Fiadeiros por publicar, así como outros xornais escolares dos colexios da vila. Que as letras dos nenos e das nenas sempre atopen o seu primeiro fogar neles.




Comentarios