Portos e Concello analizan formas de colaboración para o control da pesca recreativa
Despois de que o pleno aprobase en xuño dúas mocións dirixidas a Portos de Galicia, a presidenta do ente público, Susana Lenguas, reuniuse hoxe co alcalde da vila, Félix Juncal. Foi unha xuntanza na que se abordaron diversas cuestións, entre elas as distintas posibilidades de colaboración para o control da pesca recreativa no peirao da vila, xa que o goberno local rexeitou o convenio inicial ao ter que asumir competencias que non lle pertencían.
Tal e como sinala Portos de Galicia, o obxectivo é avanzar na autorización da pesca de lecer coas maiores garantías tanto para pescadores como para a actividade propiamente portuaria. Desta maneira, a finalidade do ente público é acadar acordos de colaboración con outros gobernos locais, como xa ocorreu en municipios como Cervo, Muros ou Ribeira.

Ademais desta cuestión, a xuntanza tratou puntos relativos á mellora de zonas municipais vencelladas co ámbito portuario. Un asunto, no que segundo informa Portos, ambas partes se comprometeron a analizar detidamente para comprobar a viabilidade de posibles actuacións conxuntas. Precisamente, nunha das mocións aprobadas no pleno de xuño, instábase a Portos a asumir as súas obrigas de conservación e mantemento da totalidade dos espazos portuarios.
Este encontro dá continuidade á visita que Susana Lenguas realizou a mediados de xuño, na que se anunciou a mellora da accesibilidade ao peirao de pasaxeiros e o acondicionamento da nave de redeiras. A finalidade, sinala Portos de Galicia, é facer seguimento das obras de mellora que ten proxectadas para a vila.



Comentarios