Portos inviste 340.000 euros en dúas obras no peirao de Bueu
Trala aprobación no pleno deste mes de dúas mocións dirixidas a Portos de Galicia, unha para o rexeitamento do convenio da pesca recreativa e outra para instar ao ente público a asumir o mantemento dos espazos, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou onte a vila. O anuncio que realizou foi relativo á licitación de dúas obras previstas para o peirao de Bueu.
As actuacións, que supoñen un investimento previsto de 340.000 euros, teñen que ver coa mellora da accesibilidade ao peirao de pasaxeiros, onde se sitúa a zona de embarque a Ons, así como o acondicionamento da nave de redes. "Demostra o compromiso do ente público cun dos portos de maior relevancia da provincia de Pontevedra", sinalou Susana Lenguas.

A presidenta de Portos indicou que as obras de mellora da accesibilidade ao peirao de pasaxe e na rúa Montero Ríos, cun orzamento de 215.000 euros, inclúen a ordenación do tráfico rodado na vía, a dotación de aparcadoiros para persoas con discapacidade e a habilitación de sendas peonís. Así, proxéctase un camiño de formigón de 82 metros de longo por dous de ancho, protexido por morróns e unha varanda.
A actuación na nave de redes, cun investimento de máis de 120.000 euros, consistirá na ampliación dos espazos para dotala de novas zonas de almacenaxe e traballo para a reparación das redes, atendendo ás necesidades actuais. Construirase un módulo adicional e tamén se habilitará un lucernario central para permitir a entrada da luz natural.
Pola súa parte, o alcalde, Félix Juncal, tamén acudiu á presentación desta orbas. "Son dúas actuacións importantes para Bueu e confiamos en que sexan só o comezo, pois no Concello levamos máis de vinte anos reclamando un proxecto ambicioso de rexeneración de toda a fronte marítima", apuntou o rexedor. Á visita tamén asistiron os concelleiros Xosé Leal e Silvia Carballo, a voceira do PP, Elena Estévez e o patrón maior da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, José Manuel Rosas.





Comentarios