top of page

Unha camiñata para reivindicar os beneficios da actividade física

6 abr 2022
1 min de lectura

Esta mañá, con motivo do Día Internacional da Actividade Física, o centro de saúde da vila organizou unha camiñata para promover o exercicio físico como hábito saudable. A actividade enmárcase dentro da campaña "Movémonos!", lanzada pola área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Unha ducia de bueueses uníronse esta mañá á ruta, na que tamén participou o alcalde, Félix Juncal.



Participantes da andaina saudable organizada esta mañá no Centro de Saúde de Bueu. Imaxe: Concello.


A andaina tivo saída ás 9:30 horas desde o propio centro de saúde e transcorreu polas rúas do casco urbano e a zona de Pescadoira, ata chegar ao porto, desde onde se iniciou o regreso ao centro de saúde.


Reducir o risco de enfermidades cardiovasculares, baixar os niveis de azucre ou diminuír a tensión arterial son algúns dos moitos beneficios que aporta a actividade física e que se reivindicaron esta mañá. Os tempos recomendados de exercicio varían en función da idade. Para nenos e adolescentes (5-17 anos) aconséllanse 60 minutos ao día, mentres que para os adultos a cifra sitúase entre 150 e 300 minutos semanais de actividade moderada. No tríptico tamén se advirte dos riscos da inactividade física, un factor de risco responsable do 5,5% da mortalidade mundial, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS).


Tríptico informativo sobre os beneficios da actividade física da campaña "Movémonos!".

Pola súa parte, o alcalde quixo lembrar o compromiso do Concello coa saúde e o deporte. "Tal e como se demostra co programa 'Bueu Concello Saudable", no que se imparten ximnasias gratuítas nas tres parroquias e coloquios", sinalou Juncal, que tamén reivindicou a piscina municipal das Lagoas como eixo da promoción de deporte e da saúde.


Comentarios


bottom of page