Unha mañá para descubrir o Concello
Este xoves, dezasete alumnos e alumnas de 3º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra visitaron o Concello co obxectivo de coñecer o seu funcionamento administrativo así como os labores do alcalde e dos concelleiros e concelleiras no seu día a día. O alumnado foi recibido polo alcalde, Félix Juncal, e os concelleiros Xosé Leal, Agustín Gallego, Alberto Moital e a concelleira Silvia Carballo.
Esta visita foi motivada por un proxecto do centro de investigación sobre a vila. A cativada aproveitou a xuntanza para trasladar diversas peticións a acometer nos espazos públicos. Pero a visita non é o único traballo relacionado co Concello. Nas vindeiras semanas, por mor do cincuenta aniversario do CEIP A Pedra, os rapaces e rapazas entrevistarán ao alcalde e algúns edís que estudaron no centro.

Tras este encontro, Félix Juncal, mostrou a súa ledicia polo recibimento ao alumnado. "É importante que dende as institucións públicas manteñamos sempre contacto coa sociedade para coñecer as súas demandas e a infancia debe ser escoitada, de aí que estas visitas sexan moi proveitosas", apuntou o alcalde.

Como agasallo, os pequenos e pequenas visitantes recibiron unha bolsa de agasallo do Concello con dous libros infantís: "Bueu, Gozosos Anos 30", de Polo Correo do Vento e "Leonardo e os fontaneiros"; de María Victoria Moreno.





Comentarios