top of page

Unha reciclaxe con premio para os colectivos sociais

13 jul 2022
2 min de lectura

Despois de conseguir superar o reto de reciclaxe de Ecoembes e de recibir os premios económicos correspondentes, os municipios da Mancomunidade entregaron esta mañá os vales de 1.000 euros ás tres asociacións escollidas para a ocasión. Bueu fixo entrega do cheque á Asociación de Parkinson de Pontevedra (Apropark), Cangas á Asociación de Persoas Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam) e Moaña á Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer (Afamo).


Entrega dos vales de 1.000 euros ás asociacións esta mañá no Centro Social do Mar.

A campaña "Recicla e únete ao reto!", promovida por Ecoembes e a Consellería de Medio Ambiente, perseguía que os municipios incrementasen un 10% a reciclaxe de plásticos. Os municipios que o acadaran recibirían 1.000 euros cada un para destinar a unha causa social. Esta vertente escenificouse esta mañá no Centro Social do Mar, onde representantes de Bueu, Moaña e Cangas fixeron entrega dos vales ás asociacións, que desenvolven unha ampla actividade no día a día da comarca, prestando axuda a diversos colectivos.


No acto, o rexedor de Bueu e actual presidente da Mancomunidade do Morrazo, Félix Juncal, destacou os niveis de reciclaxe acadados. "Estamos na transición cara un novo modelo", indicou Juncal, apelando ás novas directivas europeas ou estatais, como a de biorresiduos. "Esta iniciativa é moi fermosa porque nos permite axudar con premios económicos a tres colectivos que levan a cabo un enorme labor social na comarca", concluíu.



Desde Ecoembes, Bruno de Llano, agradeceu o labor da Mancomunidade así como o da veciñanza, polo coidado de medio ambiente e á vez, das causas sociais. No acto tamén participou a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, que entregou o cheque a Adicam e a alcaldesa en funcións de Moaña, Marta Freire, que o fixo a Afamo. Félix Juncal, pola súa parte, entregou o premio de Bueu á Apropark.

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page