top of page

A arte e o Camiño de Santiago, protagonistas dos obradoiros do "Concilia Bueu" deste verán

1 jul 2022
1 min de lectura

O Concello de Bueu vén de inaugurar este venres unha nova edición do programa "Concilia Bueu", que ofrece un programa lúdico cultural e deportivo para cen nenos e nenas ata o 31 de agosto. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, acudiu esta mañá ao inicio do programa, que ten como obxectivo favorecer a conciliación laboral e familiar durante as vacacións de verán.


Durante o mes de xullo, o programa será levado a cabo pola empresa de lecer Risotadas, cun amplo abano de actividades co dominador común da arte. En agosto tomará o relevo o club local Bueu Atlético Balonmán, que realizará obradoiros arredor do Camiño de Santiago e do Xacobeo.


Inauguración esta mañá do programa "Concilia Bueu", coa concelleira Ana Isabel Otero. Imaxe: Concello.

Este ano, como novidade, o programa contará con monitores e monitoras con especialidade en atención a necesidades especiais, unha iniciativa levada a cabo pola inclusión de todos os nenos e nenas. A concelleira da área, Ana Isabel Otero, destacou que Concilia Bueu "é un proxecto moi necesario que pretende axudar á conciliación das familias nestes tempos tan complexos".


Os obradoiros culturais, artísticos e deportivos terán lugar en diversos espazos, como o CEIP Plurlingüe A Pedra e o pavillón municipal Pablo Herbello. Os nenos e nenas que participan este ano son nados entre o 2010 e o 2018 e o horario do programa é de luns a venres de 8.00 a 14.00 horas.

Comentarios


bottom of page