O Concello abre o prazo de inscrición para o programa "Concilia Bueu"
Este xoves 19 de maio, o Concello abre o prazo para participar no programa de verán "Concilia Bueu". Esta iniciativa está conformada por obradoiros dirixidos aos nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2018, e se desenvolverá do 1 de xullo ao 31 de agosto. Poderán participar ata cen nenos e nenas cada mes, que gozarán de actividades de luns a venres en horario de 8.00 a 14.00 horas.
Este ano, como principal novidade, haberá persoal especializado en necesidades especiais, como xa se fixo nos obradoiros de Entroido e Semana Santa. Tal e como sucedeu o ano pasado, "Concilia Bueu" terá un marcado carácter social, co obxectivo de favorecer a conciliación laboral e familiar, ao tempo que se ofrece unha alternativa de lecer para a rapazada, que gozará de diversas actividades relacionadas coa cultura, o medio ambiente ou o deporte.

Inscricións
O prazo para inscribirse abriu hoxe e remata o vindeiro 3 de xuño. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral ou a través da Sede Electrónica do Concello.
Á hora de presentar as solicitudes teranse en conta tres requisitos principais: en primeiro lugar, para as nenas e nenos que xustifiquen o empadroamento en Bueu dun mínimo de tres meses; ditas prazas adxudicaranse segundo a orde de puntuación obtida pola aplicación do baremo da situación socio-familiar e socio-laboral. Se houbera prazas vacantes, poderán optar a elas a rapazada doutros municipios. E se exisitira un empate, prevalecerá a orde de presentación de solicitudes. A información completa sobre o procedemento tamén está dispoñible na web do Concello.





Comentarios