O Concello inicia os obradoiros de igualdade nos centros educativos da vila
"Mitos de amor romántico", "Marta dice no!" ou "Proxectando igualdade" son os nomes dalgúns dos obradoiros de igualdade que o Concello vén de poñer en marcha. Forman parte do programa organizado polo Día Internacional das Mulleres desde a Concellería de Igualdade e chegarán nas vindeiras semanas a outros centros educativos de primaria e secundaria da vila.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero, foi a encargada de inaugurar esta actividade no CEIP Plurilingüe A Pedra e destacou que "é importante que levemos a igualdade aos nenos e nenas, que son o presente e o futuro". Otero tamén animou á cativada a "aplicar o que aprendades nestes obradoiros á vida cotiá". A encargada de impartir estes obradoiros, nos que se abordan diversas cuestións adaptadas a cada nivel educativo, é a empresa Lilandeiras, especializada en servizos de igualdade.

Esta mañá os nenos e nenas de 4º de primaria do colexio de A Pedra participaron no obradoiro "Proxectando igualdade", para concienciar dos roles e estereotipos a través de películas, series e debuxos animados. O alumnado de 5º acolleu o obradoiro "Violencia de xénero e redes sociais", para aprender sobre o papel que desenvolven as redes sociais nas vidas sí como as múltiples violencias machistas que poden albergar estes espazos virtuais. Mentres, os rapaces e rapazas de 6º traballaron mitos do amor romántico e reflexionaron sobre as bases das relacións sas, baseadas no respecto e na confianza.
Estas actividades estenderanse a outros centros da vila, como o CEIP Plurilingüe Montemogos, o CEIP Plurilingüe Torre Cela, o IES Illa de Ons ou o IES Johan Carballeira. Tal e como destaca a edila Ana Isabel Otero, as actividades foron organizadas a partir das necesidades e demandas de cada un dos centros, adaptándose a cada nivel educativo.

Desde o Concello destacan tamén o seu papel na implementación de políticas activas de fomento da igualdade, con especial fincapé nos centros educativos como piar fundamental. Outras activadades levadas a cabo son certames de debuxo e ilsutración, así como a aprobación do I Plan de Igualdade Intercentros, para realizar este tipo de accións de xeito transversal.





Comentarios