top of page

A Festa do Polbo será do 13 ao 15 de agosto e as tapas soben dous euros polo aumento dos prezos

25 may 2022
1 min de lectura

A organización da XXI Festa do Polbo continúa a avanzar despois de dous anos en obrigada pausa pola pandemia. O evento gastronómico celebrarase os días 13, 14 e 15 de agosto nos Xardíns de Urbano Lugrís, na zona das Lagoas. Así o acordaron a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, e os representantes da hostalaría que participarán no evento.


Nesa mesma reunión tamén se revisaron os prezos das diferentes especialidades. As racións máis pequenas pasarán de 6 a 8 euros, mentres que as máis grandes, de 10 a 12 euros. É unha das consecuencias do encarecemento dos produtos que se está a vivir, algúns como o aceite que inflúen na elaboración dos pratos. "Queremos manter os prezos populares, pero non podemos obviar que nestes dous anos se encareceron os produtos", destaca Carballo.


Reunión entre a edila Silvia Carballo e os representantes da hostalaría. Imaxe: Concello.

Outra das novidades desta edición será a presenza da IXP Ribeiras do Morrazo, que se unirá á habitual carta de viños. "Supón valorizar unha marca na que se inclúe o noso Tinta Femia", apuntou a edila ao remate da reunión.


Desde a Concellaría de Promoción Económica e Turismo indican que seguirán traballando na organización do evento que persegue poñer en valor o Polbo das Rías coas especialidades gastronómicas, pero que tamén inclúe actividades culturais e de promoción do cefalópodo, que se darán a coñecer nos vindeiros meses.


Comentarios


bottom of page