top of page

Antía Yáñez faise co XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo

3 may 2022
1 min de lectura

No Día Mundial da Liberdade de Prensa, o xurado elixiu a gañadora do XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo. Trátase de Antía Yáñez coa crónica "A saúde mental en Galicia, en bragas", que destacou entre as obras presentadas "pola vinculación do persoal e do político" así como na visibilización das enfermidades mentais, tal e como salientou o xurado.


O xurado desta edición estivo conformado polas xornalistas Cláudia Morán Mato, Marta Veiga Izaguirre (gañadora da pasada edición) e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación Amigos de Johan Carballeira. Na acta, recalcaron a vinculación do persoal e do político na crónica. "Parte dunha vivencia propia entroncando coas opinións de profesionais e doutros doentes de forma fluída", apuntaron. Tamén puxeron o foco na visibilización das enfermidades mentais, "de urxente atención e agravadas pola pandemia". Á vez destacaron o remate da crónica pola súa expresividade e contundencia.


Reunión do xurado esta tarde. Imaxe: Concello.

Antía Yáñez, nada en Burela en 1991, é enxeñeira, xestiona unha academia e organiza obradoiros literarios. Como narradora, publicou novelas para público infantil e xuvenil como O misterio de Portomarín, O misterio do torque de Burela ou Plan de rescate. Para público adulto tamén contan obras como Senlleiras ou Non penses nun elefante rosa, que aborda o Trastorno Obsesivo Compulsivo desde o humor.


Os Premios Johan Carballeira de Xornalismo convocáronse por primeira vez no 2002, como homenaxe ao labor xornalístico de Carballeira. Os premios desta edición, tanto o de xornalismo como o de poesía, que foi para o poeta Miguel Sande, serán entregados nun acto público na semana das Letras Galegas.


Comentarios


bottom of page