top of page

Beluso acolle mañá a XXI Romaría das Letras, que se traslada á Casa do Pobo polo mal tempo

16 may 2022
1 min de lectura

O programa "Letras Galegas e Colectivas" continúa mañá, 17 de maio, coa celebración da XXI Romaría das Letras, organizada pola Asociación Cultural de Sanamedio e o Concello. Porén, o mal tempo impide que os actos se desenvolvan no Adro de Sanamedio e serán trasladados á Casa do Pobo, agás os xogos populares que serán no Pavillón de Beluso.


A xornada comezará ás 12.00 horas cun acto no que participarán o alumnado e o profesorado do CEIP Plurilingüe Montemogos e que tamén reunirá unha exposición arredor da revista escolar "O Fiadeiro". Despois está programado un recital poético con micro aberto, seguido dunha actuación de música e baile tradicional a cargo de Pais de San Roque e Os Liboreiros.






A tarde comezará cos xogos populares no Pavillón de Beluso. Pola súa parte, a Casa do Pobo albergará, ás 18.00 horas, a proxección do documental "Xela Arias. Poeta nas marxes", dirixido por Beatriz Pereira. Logo será a quenda das regueifas, con Lupe Blanco e Josiño. Finalmente, o día rematará cunha actuación do grupo local "Os Mulos", ás 20.00 horas.


As actividades organizadas por mor das Letras Galegas continuarán o sábado no eirado de Cela, con contacontos, xogos tradicionais e a actuación de Retrouso. Tamén se dará a coñecer o gañador do concurso de microrrelatos, organizado pola Asociación Cultural Costumes de Cela. O domingo terá lugar a entrega dos Premios Johan Carballeira ás 12:00 horas no Centro Social, mentres que pola tarde, a Casa da Aldea de Meiro acollerá un recital poético, a presentación do libro "Peroxo. Un rapaz de aldea" e as actuacións musicais de "Os Mulos" e "Os Palleta Mollada".

Comentarios


bottom of page