Bueu programa unhas "Letras Galegas e Colectivas" con literatura, música e proxeccións
Recitais, contacontos, actuacións musicais, cinema ou obradoiros son algunhas das actividades culturais que encherán Bueu nos vindeiros días para celebrar as Letras Galegas, dedicadas este ano ao poeta Florencio Delgado Gurriarán. Baixo o nome "Letras Galegas e Colectivas", a programación bueuesa pretende revitalizar o uso do galego e reivindicar o importante labor do tecido asociativo. Precisamente, como xa é habitual, os eventos foron froito da colaboración entre os colectivos veciñais e culturais co Concello.

A programación, que se estenderá ata o 22 de maio, presentouse esta mañá no Concello, con representantes dos colectivos involucrados (CineClub Bueu, Asociación Cultural Novos Ventos, Asociación Cultural Sanamedio, Asociación Cultural Costumes de Cela e Asociación Veciñal A Morada de Meiro) xunto ao edil de Cultura, Xosé Leal. O concelleiro inicidu no amplo abano de actividades e agradeceu aos colectivos o seu labor para "contribuír a poñer en valor ao poeta represaliado Florencio Delgado".
Letras Galegas en Beluso
Unha das novidades deste ano chega coa participación da Asociación Cultural Novos Ventos, que baixo a colaboración do Concello e da Deputación, organiza esta fin de semana diversos eventos na Casa do Pobo.
O sábado 14 terá lugar o contacontos "O ladrón de paraugas", a cargo de Bandullo Azul e dirixido á rapazada. A continuación, será a quenda de Xosé Manuel Fernández "Muxicas", que presentará os libros de partituras "Pezas guapas para gaita, zanfona e acordeón". A xornada pecharase co monólogo "A filla do Juevo", a cargo da moañesa Antía Costas. Ao día seguinte, o domingo 15, haberá un obradoiro de iniciación ao baile tradicional no Parque Joe Novas e seguido dun concerto de Acordeireta na Casa do Pobo.
XXI Romaría das Letras en Sanamedio
O propio 17 de maio, como xa é tradición, os actos terán lugar no Adro de Sanamedio coa celebración da XXI Romaría das Letras pola Asociación Cultural de Sanamedio. A xornada empezará ás 12 horas coa intervención do alumnado e profesorado do CEIP Montemogos, coincidindo coa exposición da revista escolar "Fiadeiro". Tras isto, haberá un recital con micrófono aberto e unha actuación de música e baile tradicional con Pais de San Roque e Os Liboreiros.
Estará tamén habilitada unha cantina durante todo o día por parte do Bueu Atlético Balonmán, con bebidas, petiscos e bocadillos. Xa pola tarde, haberá xogos populares e a proxección do documental "Xela Arias. Poeta nas marxes", dirixido por Beatriz Pereira. O remate do día será a cargo dun espectáculo de regueifa con Lupe Blanco e Josiño e unha actuación do grupo local Os Mulos.

Letras Galegas en Cela
A Asociación Cultural Costumes de Cela organiza o 21 de maio un festival no Eirado de Cela, para celebrar tamén o día das Letras. O evento comezará ás 17:30 horas co contacontos "Sabela e o paxaro máxico", da compañía Tarabelos Teatro. A continuación, terá lugar a entrega de premios do concurso de microrrelatos e a xornada rematará cunha actuación do grupo Retrouso e con xogos tradicionais para a cativada a cargo de Barafunda Teatro.
Letras Galegas en Meiro
Coa colaboración da Asociación Veciñal A Morada, as Letras Galegas celebraránse na Casa da Aldea de Meiro o domingo 22 de maio a partir das 19 horas. A programación inclúe a presentación do libro "Peroxo. Un rapaz de aldea", coa presenza do autor Luís Chapela e do libreiro Fernando Miranda. Haberá tamén un recital poético con Dani Costas e Daniel Chapela con micro aberto. A música chegará ao remate cos grupos locais Os Palleta Mollada e Os Mulos.
Ciclo de Cinema Galego
Na mesma liña, o Cineclub Bueu proxecta todos os venres de maio filmes galegos. O ciclo comezou o pasado vernes co documental "Negro Púrpura" e continúa este venres con "Manoliño Nguema" de Antonio Grunfeld. O 20 de maio será a quenda de "Virxe roxa" de Marcos Nine e pecharase con "Eles transportan a morte" de Helena Girón e Samuel M. Delgado.

As proxeccións, que contarán coa presenza de representantes dos equipos directivos e da rodaxe, teñen un custe de dous euros para socios e socias e de catro euros para os non socios.
Gala dos Premios Johan Carballeira
A programación das Letras Galegas rematará o domingo 22 de maio coa entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, no Centro Social do Mar ás 12 horas. Os gañadores, Miguel Sande e Antía Yáñez recibirán os galardóns nunha gala que contará co acompañamento musical de Sheila Patricia.





Comentarios