top of page

Coloquios, xogos populares e música na celebración da primeira "Xornada de persoas maiores"

1 jun 2022
1 min de lectura

Este sábado a vila acollerá a celebración da primeira "Xornada de persoas maiores", unha actividade organizada polo Concello de Bueu e que programa charlas sobre hábitos saudables, xogos tradicionais e actuacións musicais.




A xornada comezará ás 12 horas cun coloquio nas salas da planta baixa da piscina municipal sobre os obradoiros de memoria. As responsables dos Centros de Día Pescadoira e Contigo serán as encargadas de explicar o proxecto no que levan varios anos traballando da man do Concello de Bueu e que ten como obxectivo a estimulación da memoria e o envellecemento activo. Tras isto será a quenda da Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro que a través dalgunha das súas integrantes afondará nas actividades que organiza o colectivo, como clases de teatro, autoestima ou xogos tradicionais.


Unha actividade da Asociación de Mulleres Rurais e Mar e Agro que tivo lugar en febreiro.

Pola tarde terá lugar o I Torneo de petanca e xogos populares interxeracionais no recentemente inaugurado campo de petanca da Estacada. Baixo a finalidade de promover a convivencia entre diversas idades, anímase a participar a todas as persoas que o desexen.


Inauguración do campo de petanca da Estacada. Imaxe: Concello.

A xornada rematará con dúas actuacións musicais de Arosa Bay e Marietta, a partir das 20 horas na carpa instalada nos Xardíns de Urbano Lugrís, na zona das Lagoas. Por ese motivo, o aparcadoiro das Lagoas permanecerá pechado do xoves 2 ás 14.00 horas ao domingo 5 ás 8.00 horas. A situación repetirase do martes 7 de xuño ás 23.30 horas ao martes 14 de xuño ás 8.00 horas pola celebración da concentración de motos.

Comentarios


bottom of page