Delaporte completa o cartel do SonRías Baixas
O festival SonRías Baixas gardaba unha sorpresa no seu cartel. O pasado mes de marzo a organización desvelaba aos artistas que participarán nesta nova edición do festival, que recuperará o gran formato trala pausa que propiciou a pandemia. Nese cartel para os días 4, 5 e 6 de agosto faltaba por coñecer tan só un concerto que se anunciou esta mañá e que corresponde ao dúo electro-pop Delaporte, conformado por Sandra Delaporte e Sergio Salvi.

Delaporte actuará na primeira xornada do SonRías, o xoves 4 de agosto e no seu directo presentarán "Abril", o seu derradeiro traballo discográfico con temas como "Clap, clap", "Ni un beso" ou "Droga dura".
O dúo de pop electrónico súmase a un cartel conformado por vinte artistas de diferentes estilos e con propostas que van desde o rapa ata as músicas de raíz ou o rock. Polo escenario do SonRías pasarán grupos como Tanxugueiras, La M.O.D.A. ou Ciudad Jara e artistas como Kase.O, Rayden ou Sara Hebe.
Concertos por días
O SonRías comezará o xoves 4 cunha xornada na que predominarán os ritmos urbanos e a aposta por artistas emerxentes. As persoas asistentes gozarán do pop urbano de Rels B, dos acabados de confirmar Delaporte, do rap de Sofía Gabanna e de Jazz Woman así como future latin de Maurino e da enerxía de Cool Nenas.
O venres 5 será a quenda do rapeiro Kase.O e da fusión de xéneros realizada por Rayden. Tamén subirán ao escenario Ciudad Jara, que presentarán o disco "Cinema" e o grupo festivo de referencia en Cataluña, Buhos. A noite rematará co rock/metal de Bala, o show de pop e rock de Emlan e a viaxe de García Mc & Nación Quilombo polo seu disco "Arquipélago Quilombo".

O derradeiro día, o sábado 6, pecharase coa música tradicional galega das recoñecidas Tanxugueiras e o directo de La M.O.D.A., que presentará o disco "Nuevo Cancionero Burgalés". Tamén actuarán Arnau Griso, no seu concerto de despedida en Galicia e grupos como Eskorzo, Balkan Paradise Orchestra xunto a Sara Hebe e Suu.
Entradas
O festival mantén á venda en xuño un número limitado de abonos de tres días a un prezo reducido de 50 euros (máis gastos de xestión). Tamén están dispoñibles as entradas por día desde 30 euros (máis gastos de xestión). Ademais, tamén se pode solicitar a promoción de precarga da pulseira cashless.





Comentarios