O BNG antepón a seguridade que xeran os semáforos ás críticas do PP
A semaforización da intersección entre as rúas Johan Carballeira e Pazos Fontenla continúa de actualidade. Tralas críticas do PP, que cualificou a situación de "caos circulatorio" e reclamou un reaxuste da rede, o BNG de Bueu defende a seguridade que xeran os semáforos así como os beneficios na xestión do tráfico. Faino a través do seu voceiro, Xosé Leal, que antepón dita seguridade ás críticas "dun PP que van ao contrario do que traslada a cidadanía ao goberno".
O voceiro nacionalista afirma que a veciñanza está trasladando aos integrantes do goberno local os beneficios que supoñen os semáforos para a mellora da seguridade na zona. "A actitude negacionista do PP ante calquera avance que se dea en Bueu demostra que non están de acordo coas novas políticas que melloran a seguridade de peóns e vehículos nos viais urbanos", explica Leal.

Tamén avanza que desde o goberno local buscan implicar á Xunta na reforma da vía, de titularidade autonómica, e na que "as actuacións son practicamente nulas, pese a ser esa arteria tan importante que din desde o PP local". Por ese motivo, Leal anima ao principal grupo da oposición a "ir da man do pobo de Bueu" para reclamar actuacións de mellora da vía e nas beirarrúas. "Elementos que presentan un mal estado froito da falta de investimento da Xunta", engade.

As críticas do PP, por outro lado, sinalaban un número insuficiente de policías locais, que relacionaban co "pasotismo do goberno local". Desde o BNG, Leal indica que "se alguén practica a hipocrisía á hora de dar leccións sobre xestión do persoal público é o PP", aludindo ao voto en contra para a aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT). "Parece mentira que o grupo que votou en contra do documento de planificación da contratación máis importante, se atreva a dar consellos ou leccións de suposta moralidade para a contratación de persoal público", apunta Leal. Desde o BNG afirman que valoran o traballo da policía local e consideran esencial a modificación da normativa para facilitar a contratación.
O nacionalista fai referencia tamén ao "silencio cómplice do PP ante os recortes no centro de saúde de Bueu", aludindo á falta de persoal rexistrada no PAC da vila, así como no ámbito de pediatría.





Comentarios