O PP reclama un axuste dos semáforos da intersección da rúa Johan Carballeira con Pazos Fontenla
O grupo municipal do PP vén de poñer o foco na recente semaforización da rúa Johan Carballeira, na intersección da PO-315 e que entrou en funcionamento a principios deste mes. A concelleira Isolina Villanueva critica as imaxes dos últimos días, que cualifica de "caos circulatorio" e solicita "unha regulación exhaustiva dos semáforos" así como a elaboración dun plan de tráfico para a tempada estival.
A popular relaciona "as imaxes vistas nos pasados días, con retencións significativas e queixas da veciñanza" coa regulación dos semáforos. Así, solicita que se realice unha análise do tráfico da zona e poder realizar unha regulación exhaustiva dos semáforos. "Debe combinar a tan necesaria seguridade dos condutores e viandantes coa axilidade que necesita un punto neurálxico do centro de Bueu", sinala. Villanueva reclama tamén ao Concello que lle solicite á Xunta de Galicia a creación dun refuxio para o fluxo de vehículos que acceden e saen do aparcadoiro subterráneo.

A popular indica que a semaforización supón "a crónica dun desastre anunciado". "Todos os condutores eran conscientes de que esa non era a mellor solución para a zona, xa houbo semáforos no casco urbano e terminaron retirándose", explica Villanueva, que propón probar novas formas para regular o tráfico nesa zona.
Na mesma liña, Isolina Villanueva reivindica a necesidade de que o goberno local "realice un plan de tráfico para o verán". Ante o aumento do turismo estival, a concelleira destaca que "as rúas seguen sendo iguais polo que se debe abordar na maior brevidade un plan para evitar as grandes retencións que vemos durante estes dous meses". Ademais, sinala que "debido ao número insuficiente de policías locais que Bueu arrastra desde fai anos polo pasotismo do goberno local, non poden regular o tráfico como sería desexable".





Comentarios