O Concello prevé que as obras de semaforización da rúa Johan Carballeira rematen este mes
A semana pasada o Concello iniciou as obras de rehabilitación do firme da rúa Johan Carballeira e semaforización da intersección da PO-315, co obxectivo de mellorar a mobilidade urbana e o acceso de vehículos nun punto que acumula un fluxo alto de circulación, especialmente no verán. Con motivo da inminente tempada estival, a empresa está apurando os prazos para poder rematar as obras a finais de xuño.
A actuación está levada a cabo pola empresa Construcciones Fechi SL, que comezou os traballos no tramo superior da rúa Johan Carballeira. Alí actuaron sobre as beirarrúas, así como no asfaltado e instalación de cables na rúa, que estivo cortada ao tráfico durante toda a semana. Precisamente, o venres o alcalde, Félix Juncal, achegouse ao lugar para comprobar o avance das obras xunto a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo e o edil de Cultura, Medio Ambiente e Mobilidade, Xosé Leal.

Esta semana está previsto que comecen as actuacións na zona entre Pazos Fontenla e Montero Ríos. "Nese tramos hai menos escavacións e demolicións, polo que os cortes ao tráfico serán máis puntuais", indicou o alcalde, que sinalou que nesa zona está previsto realizar as canalizacións, a pavimentación e a instalación da rede semafórica.
Cun orzamento de 92.843,29€ e financiada con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, a obra persegue regular a intersección da PO-315 coa Rúa Johan Carballeira coa instalación de semáforos, así como rehabilitar e mellorar o firme da rúa no tramo comprendido entre a estrada autonómica e a rúa Montero Ríos, cuxo estado de conservación non é óptimo.





Comentarios