O CEIP A Torre-Cela, un dos centros que estreará a proposta educativa "polos creativos"
Continúan as boas novas para o CEIP Plurilingüe A Torre-Cela, despois de recibir o primeiro premio Innovagal, o centro bueués é agora un dos quince seleccionados na área de Pontevedra para a implantación da proposta pedagóxica "polos creativos". O CEIP-Plurilingüe A Torre-Cela será pioneiro na comarca á hora de participar nesta primeira fase de implantación.

O obxectivo principal desta proposta é consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público. Esta primeira fase de implantación comezará en setembro en 138 centros educativos galegos cun investimento que supera os 4 millóns de euros.
O delegado territorial, Luis López, explica que esta actuación responde "ao obxectivo común de avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras, sostibles e confortables".
Os polos creativos serán lugares de innovación educativa coa solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Terán un deseño modular e estarán organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Así, abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, a realidade virtual ou a robótica.
Nos centros seleccionados, a Consellería de Educación despregará arredor de 22.00 unidades de material e equipamento especializado como kits de robótica, equipamento audiovisual, tablets, taboleiros interactivos, mobiliario flexible e innovador así como elementos de escaneado e impresión 3D.





Comentarios