O Concello celebra este domingo a gala de entrega dos premios Johan Carballeira
Este domingo terá lugar a gala de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, que se celebrará no Centro Social do Mar a partir das 12 horas. Co acompañamento musical de Sheila Patricia, o Concello entregará os premios a Miguel Sande, gañador na categoría de poesía coa obra "Brinde e desespero", e a Antía Yáñez, que logrou o galardón da categoría de xornalismo coa crónica "A saúde mental en Galicia, en bragas", publicada na revista Luzes.

O encargado de conducir o acto será o edil de Cultura, Xosé Leal, e tamén se presentará o espectáculo "Bebedeira", no que Sheila Patricia pon música a poemas de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Con ritmos populares como a rumba ou o son veracruceño mexicano, Sheila Patricia pon voz ao autor valdeorrés cunha conexión entre Latino América, onde estivo exiliado, e Galicia.

Ciclo de Cinema Galego
O Cineclub continúa coa súa aposta polo audiovisual galego e hoxe proxecta o documental "A virxe roxa", de Marcos Nine. O filme recupera a historia de Aurora Rodríguez Carballeira e a súa filla Hildegart. Tras a proxección, que comeza ás 21 horas no Centro Social do Mar, haberá un debate co director Marcos Nine e co historiador Xavier Castro.

"Letras Galegas e Colectivas" en Cela e Meiro
A programación das Letras Galegas continúa esta fin de semana en Cela e Meiro. O sábado, a partir das 17.30 horas, a Asociación Cultural Costumes de Cela organiza un festival no eirado. Alí terá lugar a representación teatral de "Sabela e o paxaro máxico", da compañía Tarabelos Teatro. A continuación, farán entrega dos premios do concurso de microrrelatos, antes de rematar o día cunha actuación de Retrouso e coa animación e xogos tradicionais a cargo de Barafunda Teatro.
O domingo as actividades trasládanse á Casa da Aldea de Meiro, da man da Asociación Veciñal A Morada. A partir das 19.00 horas terá lugar a presentación do libro "Peroxo. Un rapaz de aldea", a cargo do autor Luís Chapela e do libreiro Fernando Miranda. Despois será a quenda dun recital poético, con Daniel Chapela e Dani Costas e con micrófono aberto, seguido dunha actuación a cargo dos grupos locais Os Palleta Mollada e Os Mulos, antes de rematar cunha degustación de petiscos.





Comentarios