top of page

O Concello imparte clases de ximnasia na auga no mes de xullo

21 jun 2022
2 min de lectura

A piscina municipal acollerá durante o mes de xullo clases de ximnasia na auga, que o Concello ofrece de balde para a cidadanía co obxectivo de dar a coñecer esta modalidade de exercicio. Tal e como sinala o edil de Deportes, Ricardo Verde, haberá grupos os martes e venres de 10 a 11 e de 11 a 12 horas.


As persoas interesadas en participar poden inscribirse no teléfono 986138689 ou no correo electrónico piscina@concellodebueu.gal. Ademais, o Concello tamén recupera a ximnasia para persoas con Párkinson, que se impartían antes da pandemia, e que agora se retoman os luns e xoves de 10 a 11 e de 11 a 12 horas, tamén no mes de xullo.


Unha imaxe da piscina municipal. Fonte: Concello.

Hai un mes, o Concello adquiriu material novo para a piscina municipal, como táboas de natación ou mancuernas que tamén poden ser empregadas para a práctica de deportes como a ximnasia de auga. Desde o Concello indican que os servizos técnicos e xurídicos están ultimando os documentos para licitar o servizo de xestión dos próximos anos, coa previsión de que as instalacións poidan estar operativas e adxudicadas no último cuadrimestre do ano. Mentres, a cidadanía pode continuar asistindo á piscina de forma gratuíta en horario de luns a venres de 9.00 a 12.00, de 17.00 a 21.00 horas e os sábados de 9.00 a 12.00 horas


Clases de zumba e de debuxo

Desde a Asociación Cultural Sanamedio tamén ofertan dúas actividades para os meses de xullo e agosto. Por unha banda, haberá clases de zumba no pavillón de Beluso os luns, mércores e venres ás 9.30 horas a cargo de Susi Alonso. Para solicitar máis información está habilitado o teléfono 619218205.


Pola súa parte, no colexio infantil de Sanamedio organizan obradoiros de debuxo e pintura personalizados para a cativada de 8 anos en diante e adultos. Estarán impartidos por Josuha Xanbreo os martes ás 10.00 horas e para máis información pode contactarse a través do 650097124.


Comentarios


bottom of page