top of page

O Concello oferta cursos gratuítos de natación na piscina municipal

20 sept 2022
2 min de lectura

O mes de outubro comezará na vila cunha novidade no ámbito deportivo. Será da man dos cursos gratuítos de natación que o Concello ofertará de outubro a decembro na piscina municipal. As actividades serán impartidas os luns e os xoves en horario de mañá e tarde por monitores do Club Natación Galaico e haberá clases tanto de iniciación como de perfeccionamento.


Para estas actividades ofértanse un total de 114 prazas, 24 para iniciación e 90 para perfeccionamento, estas últimas divididas en dez grupos que terán unha clase dunha hora semanal.


Os horarios, pola súa parte, varían en función da idade. Para as persoas nacidas antes do 2006 haberá dous grupos de mañá os luns e os xoves. O de iniciación será de 10.00 a 11.00 horas con oito prazas para cada día, mentres que as actividades de perfeccionamento serán de 11.00 a 12.00 horas, con quince prazas por día.


Piscina municipal, onde terán lugar as clases.

No caso dos cursos para persoas menores, nadas entre 2016 e 2010, as clases de iniciación serán de 17.00 a 18.00 horas con 16 prazas dispoñibles, oito para cada día. Pola súa parte, para as clases de perfeccionamento habilitaranse dous grupos, un de 18.00 a 19.00 horas e outro de 19.00 a 20.00 horas. Nesta ocasión, ofértanse 30 prazas por días, sumando un total de 60 prazas dispoñibles.


Os cursos teñen previsto comezar o vindeiro 3 de outubro e aínda que a primeira fase se estenderá ata decembro, desde o goberno local indican que se poderían prolongar a partir de xaneiro en base ao estado de licitación do servizo da piscina municipal así como as súas actividades.


Como é a inscrición?

O prazo para inscribirse nos cursos comeza hoxe e as persoas interesadas en acudir deberán apuntarse de xeito presencial e individual na piscina municipal. O horario é de luns a venres de 9 a 12 horas e de 17 a 21 horas, mentres que os sábados é de 9 a 12 horas. No caso das actividades para persoas menores, un mesmo pai, nai ou persoa titora poderá inscribir a varios fillos.

Comentarios


bottom of page