O IES Johan Carballeira participa mañá na XXIV Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo
Tras unha obrigada pausa de dous anos motivada pola pandemia, a comunidade educativa do Morrazo recupera mañá unha das súas citas de referencia no ámbito teatral coa celebración da XXIV Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo. A diferenza de ocasións anteriores, nas que se organizaba nun centro da comarca, o encontro deste ano terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas.
O instituto bueués Johan Carballeira, que leva participando desde as orixes desta cita teatral, representará mañá a obra "Román e Ximena", a través do seu grupo de teatro Comediantes Anónimos. Trátase dunha adaptación e tradución de Rosa Domínguez sobre un texto de Olga Margallo e Antonio Muñoz Mesa. A representación levada a cabo polo Johan Carballeira contará con dous pases, un de mañá ás 11.00 horas e outro ás 20.30 horas pola tarde, cun custe de tres euros a entrada.

Na XXIV Mostra de Teatro do Ensino Secundario participarán tamén os demais centros organizadores. O obradoiro de teatro do IES María Soliño presentará "A sombra misteriosa" (10.00 horas e 21.30 horas), mentres que o grupo de teatro do IES As Barxas de Moaña representará "Dende Adentro" (12.00 horas e 19.30 horas). Pola súa parte, o grupo de teatro do colexio Eduardo Pondal levará a escena "Vivindo a morte", con pases ás 13.00 e 18.30 horas.
Xornada de portas abertas
Desde o instituto Johan Carballeira informan tamén da celebración este xoves dunha xornada de portas abertas dos ciclos formativos para alumnado e familias. O evento celebrarase de 16.00 a 18.30 horas e será posible asistir ás prácticas que se realizan nos talleres ás 16.30 e 17.30 horas. Tamén se poderá coñecer a oferta educativa para persoas adultas.
Continuidade do Festival Artístico Solidario Art for Change
Tralo éxito acadado esta fin de semana, no que o I Festival Artístico Solidario Art for Change conseguiu converter as rúas de Bueu nun fervedoiro artístico e científico, o IES Johan Carballeira vén de confirmar a súa continuidade. "Superamos todas as expectativas que tiñamos tanto na asistencia de público como na recadación solidaria", apuntan os organizadores.
Así mesmo, desde o instituto organizador agradecen a implicación da comunidade educativa que participou no encontro (CEIP A Pedra, CEIP da Torre-Cela, CEIP Montemogos, CPR Virxe Milagrosa e Galiña Azul de Bueu, CPR Eduardo Pondal de Cangas e IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra). Tamén o labor do Concello de Bueu e das demais organizacións e entidades que fixeron posible o festival.





Comentarios