O persoal sanitario do centro de saúde recibe formación para previr a violencia de xénero
Despois do comezo a semana pasada dos obradoiros de igualdade nos centros educativos, esta mañá foi a quenda do persoal sanitario do centro de saúde da vila. A médica viguesa Rosana Izquierdo foi a encargada de impartir unha charla sobre as pautas de actuación na atención primaria, así como o protocolo da violencia de xénero.
Esta actividade enmárcase dentro dun programa que leva adiante o Concello de Bueu, a través do Centro de Información ás Mulleres e para o que conta con fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. A poñente, Rosana Iziquierdo, é médica de atención primaria en Vigo e responsable do grupo de traballo de violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGMFEC).
Na apertura da xornada desta mañá tamén participou o alcalde da vila, Félix Juncal. O rexedor aproveitou a ocasión para agradecer o labor dos sanitarios e sanitarias da sanidade pública como "piar fundamental para concienciar, detectar e previr esta lacra social das violencias machistas", sinalou. Na mesma liña expresouse a edila de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero. "Debemos poñer todos e todas o noso gran de area nesta loita, e aí o Concello sempre está axudando e propoñendo actividades de sensibilización e formación", recalcou Otero.

Estas xornadas formativas inauguráronse no 2019, con sesións para corpos de seguridade, persoal sanitario, profesorado e cidadanía en xeral. As accións procuran avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria á vez que se pretende dar cumprimento ao recollido nos plans de igualdade aprobados polo Concello de Bueu, que sinala a súa aposta pola educación e formación como piar básico na loita contra as violencias machistas.





Comentarios