top of page

O pleno aproba definitivamente o orzamento para o 2022 tras desestimar as alegacións do PP

23 may 2022
3 min de lectura

O salón de plenos do Concello albergou esta mañá unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou de maneira definitiva o orzamento para o 2022 cos votos a favor de BNG e ACB, e en contra do PP, mentres que o PSOE non asistiu á sesión. O orzamento para o 2022, que foi aprobado de xeito inicial no pleno de abril, ascende á cifra récord de 6.950.000 euros e contou con diversas alegacións do PP que foron desestimadas.


A voceira do grupo municipal do PP, Elena Estévez, foi a encargada de dar lectura ás alegacións que solicitaban a inclusión dunha partida económica específica para a Festa do Polbo tras o anuncio do retorno da festa ou para o concurso de ideas da Banda do Río.


Un momento da sesión plenaria celebrada esta mañá no Concello.

Tamén demandaban dar cumprimento ao acordo plenario para a instalación de tótems tecnolóxicos na vila así como para realizar actuacións recollidas no Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACES) e no Plan de Mobilidade Sustentable. "Hai que facer as previsións para esas actuacións, lamento que non se estimen as alegacións e non haxa vontade a telas en conta", sinalou Estévez.


Pola súa parte, o alcalde da vila, Félix Juncal, destacou a importancia dos orzamentos. "Permitirán facer realidade proxectos moi importantes para Bueu e que lle preocupan á xente", explicou. Tras isto, Juncal numerou dez actuacións programadas dentro do orzamento, como a reforma da Biblioteca Torrente Ballester, a Sala do Bueu Romano, o Estaleiro da Banda do Río ou a Bandeira Azul desa mesma praia. Outras actuacións previstas son a compra de terreos para unha área de autocaravanas e caravanas, a posta en marcha do complexo deportivo da piscina municipal, a tramitación do convenio urbanístico de Beluso e o concurso de ideas da Banda do Río.


Tamén fixo referencia á aplicación da Relación de Postos de Traballo e ao incremento de políticas sociais e subvencións ás entidades deportivas, culturais e sociais. "Son uns orzamentos positivos que nos preparan para afrontar o futuro", concluíu Juncal, á vez que a edila de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, sinalou que os tótems tecnolóxicos serán instalados a través dunha subvención.


O orzamento foi finalmente aprobado ao contar cos votos a favor do BNG e de ACB. O grupo municipal do PP votou en contra mentres que o PSOE non estivo na sesión. Agora, entrará en vigor trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).


Votación da aprobación definitiva do orzamento do 2022.

Recoñecemento extraxudicial de créditos

No pleno desta mañá tamén se aprobou o primeiro recoñecemento extraxudicial de créditos, cos votos a favor dos grupos do goberno local e en contra do PP. Os gastos son relativos a facturas presentadas neste ano, cun importe próximo aos 60.000 euros e que se corresponden con traballos do ano pasado. Por outro lado, afróntanse dous pagamentos á Mancomunidade que suman máis de 165.000 euros de débeda contraída con Sogama.

A voceira popular explicou o voto en contra do seu grupo. "As previsións deberían ser máis axustadas e estase entrando nunha dinámica de deixalo pasar, non se debería darlle normalidade xa que hai unha experiencia suficiente", sinalou Estévez. Nesa liña, tanto Félix Juncal como o vicealcalde e edil de Facenda, Julio Villanueva, explicaron que "o noso obxectivo é que os procedementos administrativos se fagan da mellor forma posible, pero temos que ter en conta as carencias de persoal e a nosa capacidade real".


Comentarios


bottom of page