O pleno aproba o plan normativo do 2022
Tamén se debateron dúas mocións presentadas polo PP sobre medidas contr a crise e limpeza dos tellados
Onte tivo lugar a sesión plenaria ordinaria do mes de abril, onde o primeiro punto a debater foi a aprobación do plan normativo do concello para o 2022. A proposta logrou a súa aprobación cos votos a favor do BNG e do PP, mentres que ACB se abstivo e o PSOE non acudiu ao pleno.
O plan normativo permitirá a modificación e a aprobación de regulamentos para atender situacións novas ou actualizar os que quedaron obsoletos, tal e como explicou o alcalde da vila, Félix Juncal. Precisamente, o plan normativo é un elemento imprescindible para a aprobación dos textos regulatorios deste ano, que se dividen en modificacións e novas normativas.
As modificacións afectan á ordenanza de terrazas, que substituiría á de 2012 e para dar cumprimento ás novas realidades; a do mercado municipal de abastos (actualización da de 2005); a de venda ambulante e produtos do campo (actualización da de 2005); a de ruídos e vibracións (que supere o texto de 1996). Con respecto a nova normativa, o goberno local informa de que espera contar cunha ordenanza de caravanas e autocaravanas, un regulamento para a xestión de uso da piscina municipal e unha ordenanza da administración electrónica. Antes da aprobación das normativas haberá unha consulta pública no portal web municipal.

Neste primeiro punto, a voceira do PP, Elena Estévez, botou en cara ao goberno local o tempo transcorrido. "Pasaron catro anos desde a aprobación do último plan normativo e algunhas normativas aínda non se aprobaron, polo que se debería dar unha explicación", apuntou. Pola súa parte, o voceiro de ACB, Julio Villanueva anunciou a abstención do seu grupo ao non incluírse unha normativa de tráfico. "Somos conscientes de que faltan normas pero temos que ser realista co que podemos levar a cabo", engadiu o voceiro do BNG, Xosé Leal.
Medidas contra a crise e limpeza dos tellados
O grupo municipal do PP levou ao pleno dúas mocións que non lograron ser aprobadas ao non contar cos votos do goberno local (BNG e ACB). A primeira moción tiña como obxectivo instar ao goberno español á adopción de medidas contra a crise. Solicita así que cumpra os seus compromisos e baixe impostos á electricidade, o gas, os combustibles así como a ofrecer medidas para sectores e familias más afectados, descartando a aplicación de novos peaxes. "Non estamos a favor do atraco das eléctricas á cidadanía, atraco que os gobernos do PP consentiron", apuntou o voceiro do BNG, Xosé Leal, anunciando o voto en contra do goberno local.
A segunda moción instaba ao goberno local a contratar unha empresa especializada na limpeza de tellados para a actuación en edificios como o Centro de Saúde ou o CEIP A Pedra. "Unha obriga de mantemento para o municipio que, por obviala, pode chegar a repercutir nun maior gasto posterior", expoñía. A moción non saíu adiante porque se considera un tema propio de planificación e de acción diaria do goberno.
Orzamentos 2022
Este xoves haberá unha sesión plenaria extraordinaria, ás 13:00 horas, para a aprobación inicial do orzamento, cadro e anexo de persoal do Concello de Bueu correspondente ao 2022. Tamén está na orde do día a modificación da ordenanza fiscal nº5 reguladora do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana.





Comentarios