O pleno rexeita a moción do PP sobre os obradoiros de emprego
A sesión plenaria de maio estivo protagonizada pola volta á normalidade. Escenificouse co regreso das sesións ao Salón de Plenos do Concello, despois de que as medidas derivadas da pandemia propiciaran o seu traslado ao Centro Social do Mar ou mesmo tiveran que ser celebradas de xeito telemático con anterioridade.
A corporación debateu o luns a moción presentada polo grupo municipal do PP para a realización de obradoiros de emprego na vila, que non saíu adiante tras só contar cos votos a favor do PP, mentres que o BNG votou en contra e o sentido do voto de ACB foi a abstención e o PSOE non asistiu á sesión.

Na exposición de motivos, a moción remarcaba que "nos últimos vinte e dous anos realizáronse dous obradoiros de emprego remunerados, no 2002 e no 2010". Para tal fin habilitouse un espazo formativo na nave municipal do Polígono Industrial. O PP puxo o foco en que "desde hai máis de dez anos, o Concello non impulsou ningún tipo de proposta desta índole, a pesar de que as iniciativas teñen un financiamento case total supraminicipal, a través da Xunta de Galicia".
Polo exposto, a moción instaba ao goberno local a realizar as xestións necesarias para levar a cabo un obradoiro de emprego en Bueu. A voceira do PP, Elena Estévez, defendeu a aposta por retomar os obradoiros e solicitou o apoio de todos os grupos "para iniciar as xestións".
Tras isto tomou a palabra o voceiro do BNG, Xosé Leal, que anunciou o voto en contra do seu grupo cunha argumentación en varias liñas. A primeira delas apuntou os prazos. "A moción estaría fóra de prazo para facer as xestións, non sería lóxico aprobala agora". Leal fixo mención á "excesiva carga de traballo" dos departamentos municipais, que se atopan "faltos de persoal" e tamén á posible afectación da reforma laboral, "que pon trabas á contratación de persoal temporal". Porén, o voceiro fixo referencia a que "se están estudando novas fórmulas que se avanzaran cando se accedan a elas".
Pola súa parte, o voceiro de ACB, Julio Villanueva, manifestou a abstención do seu grupo á vez que sinalou á falta de concreción da moción sobre "os tipos de obradoiro que quería que se fixeran".
De novo, Estévez fixo unha intervención para referirse aos prazos da moción. " Non está fóra de prazo posto que non se inclúe un prazo concreto para levar a cabo os obradoiros", aludindo ás palabras do voceiro do BNG, á vez que cualificou de "escepticismo" as posibles propostas.
A continuación interveu o rexedor, Félix Juncal, que recordou que as políticas de Emprego pertencen á Xunta, á vez que fixo mención a que "os Concellos asumimos cada vez máis competencias impropias", como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). "O goberno municipal non está dicindo que non se valorará no momento cando saía a convocatoria, neste momento non hai unha convocatoria aberta e haberá que ver a formulación dos novos obradoiros para valoralo", remarcou Juncal.
Trala votación final, a moción non contou co respaldo necesario e foi rexeitada, ao votar a favor o grupo municipal do PP e en contra o BNG, rexistrándose a abstención de ACB.





Comentarios