top of page

O PP critica o cambio de criterio do goberno ao solicitar subvencións para persoas desempregadas

26 may 2022
2 min de lectura

No pleno ordinario de maio, o Partido Popular bueués presentou unha moción na que se instaba ao goberno local a realizar as xestións necesarias para realizar obradoiros de emprego na vila e que non saíu adiante tras contar só cos votos a favor dos populares. Agora, desde o PP sinalan que un día despois o goberno local solicitou unha subvención para a contratación de tres persoas desempregadas no marco do programa "Primeira experiencia profesional" da Deputación de Pontevedra.


A voceira do PP, Elena Estévez, considera que os votos en contra do goberno local estiveron argumentados "en desculpas tan pobres e de tan pouco peso que non duraron nin 24 horas efectivas". Estévez tamén incide en que "segundo eles os concellos non teñen competencias en formación de emprego, botáronlle as culpas á reforma laboral ou ás tramitacións do obradoiro, afirmando que non é unha actividade prioritaria para o goberno", explica.


Unha sesión plenaria anterior da corporación. Á dereita da imaxe, a voceira do PP, Elena Estévez.

Por ese motivo, desde o PP critican o que consideran un cambio de criterio do goberno local trala solicitude de subvencións para contratación de persoas desempregadas. "A solicitude de contratos xustifícase na propia Lei de Administración Local de Galicia, que establece que é competencia dos concellos a participación na formación de activos e desempregados", destacan.


O grupo municipal do PP incide en que estes feitos supoñen "unha proba máis da absoluta falta de vergonza do goberno local", tras votar en contra da moción dos obradoiros. "Lamentamos que a veciñanza teña que sufrir esta política partidisita e sectaria deste goberno, que ten en conta as cores políticas das administracións para determinar se pide ou non unha subvención para a formación de emprego", apunta Estévez, á vez que remata expresando que "é verdadeiramente vergonzoso que prefiran o partido ao emprego da veciñanza".

Comentarios


bottom of page