O PP denuncia "o mal cheiro dos contedores de lixo" da vila
Desde o grupo municipal do PP de Bueu denuncian "o mal cheiro" que xeran os contedores de lixo da vila e indican que "o goberno local non dá ningunha solución ao respecto". Sobre esta situación pronunciouse a concelleira popular, Macame Núñez, que denunciou o "pasotismo absoluto ante un problema de todos os anos".
O PP sinala que os cheiros "provocan tamén queixas de veciños e comerciantes" e conforman "un problema de salubridade pública". Sinalan que "favorece a proliferación de roedores" en zonas como a Banda do Río e destacan tamén a situación dos contedores da entrada do porto.

Macame Núñez indica que "é necesario unha limpeza dos contedores de lixo de forma regular en todo o municipio" e insta ao goberno local "a traballar con constancia e dedicación" ante este tipo de problemas. "Temos un alcalde que asume Obras e Servizos, desde un primeiro momento unha mala idea, e a pesar de ser o presidente do órgano que xestiona a recollida do lixo en Bueu non fai nada para solucionar o problema", conclúe Núñez.
Estévez critica unha fotografía de Juncal "por sentirse por riba de lei" e "postureo"
Desde o PP de Bueu cuestionan tamén unha imaxe do alcalde, Félix Juncal, na que aparece no tellado en obras do pavillón municipal Pablo Herbello. A voceira popular, Elena Estévez, cuestiona que "a persoa que preside unha entidade que debe velar porque se garanta a seguridade, decida situarse por riba da lei para facerse máis autobombo".

O PP pregunta se "a empresa das obras deu o visto bo a unha visita do alcalde saltándose as medidas de seguridade" así como "quen sería responsable no caso de que no transcurso desas infraccións ocorrese algo".
A voceira popular, Elena Estévez, anima ao alcalde "a deixar de actuar como faría un neno pequeno" e pon o foco na "cantidade de multas que recibiu o Concello polas irresponsabilidades de Juncal e do equipo de goberno".





Comentarios